Benestar e Igualdade tamén organiza as charlas “Mellor acompañados”, dirixidos ás persoas maiores na Casa Rosada.
A artista local Mai Ferreira impartiu esta mañá un obradoiro sobre a súa obra e a técnica do collage dixital entre o alumnado de arte do IES de Poio. Ferreira, que expón neste momento a súa obra na mostra “Mulleres (In)visibles” no Casal de Ferreirós, participa na programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día da Muller.
Mai Ferreira, que actualmente reside en Alemaña, descubriu que podía plasmar os seus soños, sensacións e pensamentos buscando imaxes que por si solas non teñen significado pero que ao recortalas e unilas con outras acaban por crear un universo novo con infinitos significados.
Algunhas destas creacións son as que expón ata o 28 de marzo no Casal de Ferreirós, retratos e collages de mulleres cotiás, moitas relacionadas coa súa familia e noutros casos mulleres que pasaron desapercibidas ao longo da historia e que agora comezan a recoñecerse e poñer en valor. A inauguración da mostra foi o pasado venres, e contou con numeroso público.
ACTIVIDADES PARA MAIORES
Por outra banda, desde a concellería de Benestar e Igualdade continúa organizando actividades para fomentar a autonomía e a independencia das persoas maiores, neste caso ante a tecnoloxía e o uso dos móbiles. Así, colaboran coa Fundación Amigos de Galicia para organizar un curso, totalmente gratuíto, na Casa Rosada no que as persoas participantes aprenderá a incorporar a tecnoloxía ao seu día a día: nos caixeiros automáticos, no teléfono móbil, na máquina de quendas, na app móbil do Sergas… A formación ten unha duración de 10 horas e celebrarase os xoves 20 e 27 de marzo e 3 e 10 de abril . As inscricións xa se poden realizar no Pazo Besada ou no número de teléfono 986 872 401.