O alcalde Ángel Moldes mantivo no hospital Provincial unha reunión co xerente da área sanitaria, José Flores, na que, acompañados polo director de recursos económicos, Vicente García Fernández, analizáronse diversas casuísticas e previsións nesta localidade e acordouse a colaboración no mantemento dos centros de Atención Primaria desta localidade. Neste senso, lembráronse as recentes intervencións de arranxos de fachada e melloras no consultorio médico da parroquia de Raxó, á vez que se concretaron novas melloras nas dependencias do centro de saúde de Combarro.
COMPROMISO VIXENTE PARA A CONSTRUCIÓN DO CENTRO DE DÍA
Así mesmo, o rexedor de Poio e o xerente da Área Sanitaria refrendaron a vixencia do compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Poio para a futura construción dun novo centro de saúde nesta localidade cun espazo estimado de 2.289 m² que inclúa novos espazos non existentes ata agora nas súas infraestruturas sanitarias, tales coma a área de Fisioterapia -con consulta e ximnasio- ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social.
O incremento da superficie tamén permitirá que o futuro centro de Atención Primaria poiense conte cunha sala polivalente, unha sala de técnicas, unha consulta de docencia, un despacho de coordinación e salas de xuntas e de estar para os profesionais.