As ameixas á mariñeira son as preferidas polos comensais, e aínda que o domingo ao mediodía foi o momento de maior afluencia, os asistentes tamén valoraron de xeito positivo adiantar a apertura de degustación ao venres.
A Festa da Ameixa de Campelo esgotou existencias esta fin de semana. Foron moitas as persoas que se achegaron entre o venres e o domingo ata a Praza da Granxa para degustar o produto estrela da ría, que consumiron os 500 quilos de ameixas que se cociñaron á mariñeira, que é o prato estrela cada edición, con arroz e con fideos.
Desde o Concello de Poio, o alcalde Ángel Moldes, destaca o éxito desta XXXVI edición dunha das festas máis emblemáticas do concello e tamén a máis antiga, e que apostou por mesturar gastronomía cunha programación extensa e para todos os públicos, o que favoreceu que encher de vida Campelo durante toda a fin de semana. Neste senso, sinala que a intensa choiva non foi impedimento para a chegada de comensais durante os tres días. En total, despacháronse preto de 1.300 racións, sendo o domingo o día de máis afluencia de persoas rexistrando, incluso, importantes colas. Destas racións, 277 foron de ameixas con fideos, 777 de ameixas á mariñeira e 231 de arroz con ameixas.
Ata a Praza da Granxa achegáronse visitantes de toda Galicia, pero tamén de Asturias, Madrid, Cataluña, Illas Canarias, Castela León, Extremadura, Illas Canarias, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Navarra ou Castela A Mancha. “Poio é un destino único, que combina gastronomía, paisaxe, cultura, patrimonio…un destino que visitar os 365 días do ano, e propostas como a Festa da Ameixa de Campelo supoñen un atractivo máis para visitarnos fóra da tempada alta”.
Ademais de enxalzar a calidade da ameixa da Campelo, os asistentes tamén valoraron outro tipo de cuestións, como a ampla programación, que se estendeu durante toda a fin de semana e que incluíu propostas para todas as idades e todos os gustos, pero tamén que, por primeira vez, se adiantase a apertura dos postos de degustación ao venres. En definitiva, segundo explica Moldes, o obxectivo “é organizar unha festa á altura da calidade da ameixa, que fomente a participación e que poña en valor o pobo de Campelo”. E, neste senso, volveu agradecer ás persoas que impulsaron a festa, que foron protagonistas da homenaxe institucional o sábado, “que puxesen en marcha unha festa que é coñecida e recoñecida, e que supón un gran pulo para o sector do mar e unha oportunidade para Poio”.
Por último, agradece a implicación das confrarías, das agrupacións de mariscadoras, das empresas locais do sector mar-industria, así como dos colectivos de Campelo que colaboraron coa organización da festa para que esta edición fose “o máis participativa posible”.