Clausuran o curso “Alimentación terapéutica” con grande éxito de participación

25/06/2024

Manuel Domínguez: “é gratificante comprobar como estas iniciativas novas teñen tan boa acollida, unha resposta e interese que nos animan a seguir organizando este tipo de actividades”.

21, xuño, 24.- O Concello de Poio clausurou este xoves o curso “Alimentación terapéutica”, unha formación que xerou grande interese e que, igual que o resto de cursos organizados pola Concellería de Medio Ambiente, cubriu as quince prazas dispoñibles en tempo récord. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, que participou na entrega dos diplomas, agradeceu a implicación e interese de todas as persoas participantes.

Este foi o último dos catro obradoiros gratuítos que o Concello de Poio programou nos últimos tres meses para fomentar a economía circular e o respecto polo medio ambiente, nos que participaron preto de 70 persoas. Neste caso, o obxectivo era introducir ao alumnado no mundo da fermentación caseira facilitándolle técnicas de conservación e transformación de alimentos, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.

Domínguez recordou que cada vez hai máis veciños en Poio comprometidos coa separación de residuos, coa reutilización e coa economía circular e o aproveitamento de recursos, e isto demóstrase no alto interese que espertou a programación elaborada por Medio Ambiente. Neste senso, sinala que “é gratificante comprobar como estas iniciativas novas teñen tan boa acollida, unha resposta e interese que nos animan a seguir organizando este tipo de actividades”.

Ademais do curso “Alimentación terapéutica”, a concellería de Medio Ambiente tamén organizou nos últimos meses as actividades “Fruticultura, poda e enxertos”, “Cosmética ecolóxica natural” e “Horta ecolóxica”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio