O Concello de Poio habilitará nove aparcamentos disuasorios en San Xoán

20/06/2024

Esta mañá realizouse a reunión de coordinación para organizar todo o operativo na zona da Seca e garantir que as festas transcorran con total normalidade.

O Concello de Poio habilitará ata nove aparcamentos disuasorios durante as festas do San Xoán, o que supón incrementar as prazas de estacionamento gratuítos dispoñibles nas inmediacións da Seca. Os aparcamentos disuasorios estarán sinalizados e garanten espazo suficiente para acoller a un gran número de vehículos e, deste xeito, favorecer a mobilidade e o acceso seguro ao recinto da festa. Desde o Concello de Poio agradecen a colaboración de empresas e propietarios que cederon, de xeito totalmente desinteresado, as súas fincas e parcelas para reforzar este servizo.

Para garantir a máxima seguridade e coordinación durante os seis días que dura o San Xoán de Poio, o alcalde Ángel Moldes e os concelleiros de Festexos, Fran Dasilva, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, mantiveron esta mañá a última reunión de coordinación cos dispositivos de seguridade, entre os que se atopan a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil, así como cos técnicos do concello. Durante o encontro, remataron a organización de todo o operativo na zona da Seca para que as festas transcorran con total normalidade. Ademais, acordaron que Protección Civil terá en alerta un camión de bombeiros e unha pickup lixeira para actuar con rapidez en caso de que houbese algún incidente durante as fogueiras, e durante todos os días haberá un posto sanitario para garantir unha atención inmediata.

PUNTO LILA PARA FAVORECER FESTAS SEGURAS

O Concello de Poio instalará un Punto Lila para concienciar e previr a violencia machista e favorecer deste xeito a celebración de festas seguras. Será un punto de referencia no que poden informarse, pero sobre todo un espazo seguro e tranquilo ao que pode asistir calquera vítima en caso de agresión. O Punto Lila estará situado no acceso ao recito da festa, o martes 25, entre as 22.00 a 03.00 horas. Dúas promotoras da igualdade atenderán e sensibilizarán sobre as agresións e, de ser o caso, ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.

AMPLIACIÓN DE HORARIO DOS ESTABLECEMENTOS

Por outra banda, a Xunta de Goberno autorizou esta semana a ampliación dos horarios de peche dos establecementos de restauración, que inclúe restaurantes, cafeterías, locais de ocio e entretemento, furanchos… Deste xeito, o domingo 23 poderán ampliar unha hora e media o seu horario, mentres que entre o luns 24 e o mércores 26, poderán pechar unha hora máis tarde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio