O mago Pedro Bugarín actúa este venres no centro cultural Xaime Illa, Raxó

20/06/2024

Dentro da programación anual Zona de Obras, Henriko o Feiticeiro actuará este luns no Parque da Memoria coincidindo coa celebración do San Xoán.

Coincidindo co final do curso escolar, o Concello de Poio programou para este venres, 21 de xuño, o espectáculo de maxia de Pedro Bugarín no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó. É un ilusionista galego que leva máis de dez anos dedicándose ao mundo da maxia, sendo un dos máis reputados. Os seus espectáculos caracterízanse polo bo humor, a sorpresa e a interacción co público. A satisfacción está garantida cun show máxico e dinámico, en clave de humor, que non vai deixar a ninguén indiferente.

O espectáculo está destinado para o público familiar. Comezará ás 17.30 horas e a entrada é de balde ata completar o aforo dispoñible. Conta coa colaboración do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Ademais, este luns 24, coincidindo coa celebración do San Xoán, o Parque da Memoria acolle o espectáculo “Simplemente Enrico”, de Henriko o Feiticeiro. Será ás 19.30 horas, con entrada libre. Dirixida tamén ao público familiar, esta actuación está incluída dentro da programación anual de Zona de Obras, composta por once propostas de artes escénicas, que inclúen desde o teatro clásico, ata a narración oral ou o circo.

Henriko é un peculiar feiticeiro, mago e bruxo, que sente que realiza trucos incribles. Proezas que superan o entendemento humano, pero en realidade é unha fraude de mago ao que mesmo os nenos cázanlle os trucos. Pero tras a aparencia deste desastroso feiticeiro, escóndese un veterano malabarista que realizará arriscados xogos con coitelos e perigosos equilibrios. Para sorpresa do público, durante o espectáculo comezarán a pasar cousas inexplicables en escena.

PRESENTACIÓN DE PEPA A LOBA EDITORIA, DE POIO

Outra das citas propostas pola Concellería de Cultura para estes días é a presentación de Pepa A Loba Editoria, unha editora de Poio que naceu a finais do ano 2023, produto da paixón pola literatura infantil e xuvenil dunha parella de veciños deste concello, Fátima Martínez e

O xoves, 27, no Casal de Ferreirós, a escritora pontevedresa Fina Casalderrey presentará o primeiro título do seu catálogo, “Quen dixo medo?”, escrito e ilustrado pola xove promesa da literatura Ana Sánchez Garea e impreso en Gráficas Anduriña. Ao finalizar o acto, a autora asinará exemplares a todas aquelas persoas que o desexen. A presentación será ás 20.00 horas con entrada de balde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio