Ángel Moldes: “Estamos convertendo compromisos en feitos, Poio é hoxe un concello máis vivo, dinámico e atractivo”

14/06/2024

Recordou a compra da gardería de Campelo, a primeira baixada de impostos do mandato, o impulso do polígono de Fragamoreira, investimentos para dar resposta a reclamacións históricas e avances en materia turística, deportiva, cultural e servizos sociais, entre outros.

Uns logros que puxo en valor recordando “a difícil situación económica que herdamos, unha realidade que, indubidablemente, condicionou toda a nosa xestión”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou esta mañá que “Poio está cambiando, estamos traballando para dar resposta ás necesidades máis inmediatas e poñendo os cimentos de proxectos importantes para os próximos anos”. Foi nun almorzo informativo no que valorou o primeiro ano de mandato, acompañado dos concelleiros de Goberno. Así, recoñeceu que están facendo unha labor “intensa, eficiente e comprometida, na que as persoas son a nosa prioridade” para “converter compromisos en feitos. Poio é hoxe un concello máis vivo, dinámico e atractivo”.

Entre eses feitos, Moldes recordou que “este Goberno aprobou a primeira baixada de impostos do mandato, e a primeira que se recorda en décadas”. Unha baixada que afecta aos recibos dos vados e viñetas dos coches que van recibir os veciños, mentres que o resto de tributos se conxelaron. “E todo isto, ao contrario do que fixeron a maior parte dos concellos da provincia, que este ano aplicaron subidas importantes cunha situación económica moi diferente á de Poio”.

O alcalde tamén destacou a compra da antiga gardería de Campelo para convertela no primeiro Centro de Día de Poio, “unha oportunidade e cunha grande xestión, xa que a compramos por 300.000 euros cando a taxación que pediu o anterior Goberno a valoraba en máis de 460.000 euros”; así como o impulso, coa Xunta de Galicia, do polígono industrial de Fragamoreira, “vital para o desenvolvemento económico de Poio”; ou a modificación puntual do PXOM para actualizar as normas urbanísticas e adaptalas á lexislación e ás necesidades da veciñanza.

Con respecto á mobilidade, recordou que “xa estamos dando os primeiros pasos para implantar unha liña de transporte entre as parroquias, para conectar o rural coas zonas urbanas e dar resposta a unha demanda histórica”, e tamén avanzou que están en reunións coa Xunta para reforzar o transporte intermunicipal durante a tempada de verán.

Ademais, destacou que “tamén estamos avanzando para dotar a Poio dun contrato novo de saneamento e abastecemento de auga, que permita prestar un mellor servizo á veciñanza, garantir a calidade da auga e, ademais, facer investimentos cos que ampliar ou renovar a rede destes servizos básicos”. Con respecto aos problemas de aparcamento no concello, puxo en valor “que xa hai máis de 500 novas prazas gratuítas dispoñibles nas diferentes parroquias, implantamos zonas azuis para garantir a rotación de vehículos cada tres horas e estamos en negociacións para seguir aumentándoas”. Con todo, recordou que si o compromiso era conseguir 1.000 prazas para este mandato, só no primeiro ano conseguiron poñer a disposición da veciñanza máis de 500.

Con respecto ás obras e servizos, o alcalde salientou que “neste mandato priorizamos dar resposta a reclamacións históricas que supoñen unha gran mellora na calidade de vida da veciñanza deses lugares”. Así, recordou os proxectos de asfaltado no camiño de Esperón a Xuviño, a pavimentación e mellora de servizos no Camiño do Outeiro de Fontenla, Sartal, en Cachafeiro (Xuviño), na rúa do Adro, travesía de Porteliña, camiño do Cemiterio, travesía de Poio de Arriba, camiño do Castaño, camiño do Souto, Liñares, así como a mellora da accesibilidade no paso inferior da Ponte da Barca, ou a reposición da rede de saneamento e abastecemento na avenida da Cruz, en Combarro. Neste capítulo, recordou tamén a instalación do caixeiro de Raxó, “unha reclamación importante da veciñanza desa parroquia”, así como “sacar do caixón o proxecto da estrada provincial de Campelo para recoller as opinións da veciñanza”.

TURISMO E EVENTOS QUE SE TRADUCEN EN DESENVOLVEMENTO SOCIOECONÓMICO E EMPREGO

Con respecto ao turismo, recoñeceu que “estamos traballando para ter un turismo sostible, de calidade, para todo tipo de visitantes e os 365 días do ano”, e recordou que “por moito que a outros lles moleste, este ano Poio tivo por primeira vez presentación propia en Fitur”. Ademais, tamén citou a constitución da mesa local de turismo, o programa o Bo Camiño, os sendeiros e as bandeiras azuis, o certame Tapea Poio que se vai desenvolver este outono ou a elaboración do plan de usos e do ENIL da Illa de Tambo.

Todas estas iniciativas e xestións están conseguindo, segundo a opinión do alcalde, “facer de Poio un concello atractivo e dinámico”, e tamén recordou que “contamos cunha programación de calidade fóra da tempada de verán que está atraendo aos nosos veciños, pero tamén visitantes que enchen as nosas rúas, consumen nos nosos comercios e na nosa hostalería”. Puxo como exemplos, a celebración da primeira xuntanza de maiores de Poio, a celebración do Día de Colón tras catro anos sen celebrarse, o feito de recuperar a identidade e a orixe da Festa do Mar, os trámites para declarar a Festa da Ameixa de Interese Turístico galego, a celebración do “mellor Nadal de Poio”, e a colaboración con empresas, colectivos e entidades na organización doutro tipo de eventos. “Grazas a todo este traballo, cada vez son máis as propostas e eventos de carácter nacional que se están interesando por Poio, e todo isto se traduce en desenvolvemento socioeconómico e emprego”.

En canto á mellora das instalacións deportivas municipais, destacou que nos próximos días Poio contará co primeiro circuíto de pump track, desde novembro o ximnasio municipal tamén abre en horario de mañá e xa está en licitación o proxecto para crear dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca. O mantemento dos centros de ensino, o apoio decidido aos colectivos locais, a aposta pola conciliación, a atención e as axudas en materia de benestar e emerxencia social, a posta en marcha do roupeiro municipal, o primeiro protocolo policial de actuación en caso de violencias sexuais… foron outros dos logros enumerados por Moldes.

Uns logros que puxo en valor recordando “a difícil situación da que partimos, cunha das débedas máis importantes da provincia, con 8M€ de débeda nos bancos, con máis de 1,2M€ en facturas sen pagar e, ademais, cun orzamento esgotado no mes de maio. Unha realidade que, indubidablemente, condicionou toda a nosa xestión”. Con todo, asegurou que “as fomos pagando con moito esforzo, sen reducir nin a prestación nin a calidade dos servizos públicos, sen comprometer a vialibilidade do concello e, a pesar disto, sacando proxectos importantes adiante e avanzando noutros que serán unha realidade a curto prazo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio