Un total de 20 eventos lúdicos organizados por colectivos locais reciben fondos do Concello de Poio

07/06/2024

“Temos un tecido asociativo moi importante, non só pola cantidade de asociacións e entidades que existen en Poio, senón tamén por toda a actividade e propostas que organizan ao longo do ano e que con estas axudas reciben o apoio decido do Concello de Poio para garantir a súa continuidade”, sinala Fran Dasilva.

Un total de 20 eventos lúdicos organizados por colectivos e asociacións locais recibirán fondos do Concello de Poio a través das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización deste tipo de actividades, entre as que se inclúen festas patronais, parroquiais, gastronómicas, festivais, magostos ou calquera outro tipo de eventos.

Segunda explica o concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, o reparto destas axudas fíxose, exclusivamente, por concorrencia competitiva, asegurando así unha concesión e xestión dos fondos transparente, obxectiva e equitativa. Ademais, recorda que o Concello de Poio aumentou este ano ata os 64.100 euros os fondos incluídos nestas subvencións que se dividen en dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas e outra destinada especificamente para magostos que, polo seu arraigo, se levan a cabo nas diferentes parroquias. “Temos un tecido asociativo moi importante, non só pola cantidade de asociacións e entidades que existen en Poio, senón tamén toda a actividade e propostas que organizan ao longo do ano e que con estas axudas reciben o apoio decido do Concello de Poio para garantir a súa continuidade”, engade.

O listado de eventos que contarán este ano con fondos municipais pódese consultar no Taboleiro de Anuncios. Na liña 1 inclúense a Festa de San Salvador (organizada pola AC Viñas), a Festa do Carme (AAVV Campelo), a Festa de San Gregorio e Festa da Saleta (AC Festas de Raxó), Festa de San Martiño e dos Dores (AC Gaiteiro Manuel Villanueva), Festa dos callos (AAVV Boureante), Festas de San Antón e do Carme e os Dores (AC Andaina Samieira), Festa da Fátima (Comisión festas Campelo), Armadiña Rock (ACDM Armadiña), Festa da Merced (AF Seglar Mercedarias Orden 3ª), Rapa das Bestas (ASPC Gandeiros Monte Castrove), XLII Semana cultural Culturarte (Ateneo Corredoira), Festa de San Xosé (AAVV San Xosé do Pereiro) e Festa de San Cristovo (A San Cristóbal de Poio). O reparto das contías oscilan entre os 1.700 e os 6.900 euros, aproximadamente. Este ano tamén se incrementou a cantidade máxima subvencionable de cada actividade ata o 60% do custo.

No caso dos magostos, acéptanse todas as solicitudes presentadas, que son os de Raxó (AC Festas de Raxó), San Salvador (AC Divino Salvador de Poio), Lourido (AAVV Cultural e Deportiva de Lourido) e Combarro (Ateneo Corredoira) recibirán unha subvención de 600 euros cada un.

A estas liñas de subvencións pudo optar calquera entidade inscrita no rexistro municipal de asociacións do Concello de Poio ou comisión de festas que organice algunha actividade ao longo do ano. Á hora de valorar as propostas, a comisión de valoración tivo en conta aspectos e criterios como a programación da actividade, as festas de carácter parroquial que constitúen un valor especial do patrimonio inmaterial ou o orzamento total subvencionable.

Este ano o Concello de Poio destina no orzamento preto de 300.000 euros para apoiar a todo o tecido asociativo municipal, a nivel cultural, deportivo, igualdade… nunha aposta clara para apoiar aos colectivos, clubs, asociacións e entidades e toda a actividade que organizan ao longo do ano e que repercute, de xeito directo, nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio