O XV Torneo de Fútbol 8 Juan López-Concello de Poio reúne 32 equipos esta fin de semana na Seca

05/06/2024

É un dos máis veteranos na comarca, e inclúe inchables, merenda e medallas para todos os participantes.

Esta fin de semana recupérase o Torneo de fútbol 8 Juan López-Concello de Poio, que nesta décimo quinta edición reúne na Seca a 32 equipos nas categorías alevín e benxamín.

O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, destaca a importante labor que o CFB Poio está facendo co deporte base, e animou aos participantes a gozar de toda a xornada. Así, recordou que o obxectivo destes días é fomentar valores de respecto, compañeirismo e hábitos de vida saudable. de Poio. “Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só apoiando a base, senón tamén impulsando e colaborando coa celebración de eventos deportivos e mellorando e ampliando as instalacións deportivas municipais”, engade.

O sábado 8 será a quenda da categoría benxamín sub-10, na que participan dezaséis equipos dos clubs CFB Poio, Arosa SC, Domaio FC, AD Sagrado, Marcón Atl, SD Monteporreiro, Caldas CF, EF Villa de Marín, EFB Moañesa, AX Saraiba do Mar, CD Mosteiro e AXD Verdugo. Os partidos, que terán unha duración de 30 minutos, xogaranse desde as 9.00 horas en dous campos. Haberá catro grupos, formados por catro equipos cada un. Pola tarde disputaranse os oitavos de final, cuartos, semifinais e a final, que será aproximadamente ás 21.00 horas.

Xa o domingo, xogarase o torneo na categoría alevín sub-12, no que participan tamén dezaséis equipos dos clubs CFB Poio, AD Sagrado, Ribadumia CF, SD Monteporreiro, Salgueiriños CF, EFB Moañesa, Domaio FC, AXD Saraiba do Mar, CD Mosteiro, Arosa SC, Moraña CF e Caldas CF. Como o día anterior, os partidos comezarán a partir das 9.00 horas e xogaranse en catro grupos, de catro equipos cada un. Os equipos clasificados xogarán pola tarde os oitavos, cuartos, semifinais e final.

Durante as dúas xornadas, combinarase o xogo cos momentos máis lúdicos, xa que haberá inchables na contorna. Ademais, repartiranse merendas e medallas entre toda a rapazada participante.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio