Poio impulsará as iniciativas emprendedoras nas variantes xacobeas cun paquete de medidas que inclúen Puntos de Información ao Peregrino e ao Emprendedor

05/06/2024

O foro Emprendemento no Camiño contou coa participación do Secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández, a Deputada provincial de Turismo, Nava Castro, o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, a Directora de Zona de Caixa Bank, Lorena Giadanes, e unha mesa redonda con emprendedores como Sabela Gippini, Carmen Fuentes, Albino Vázquez e Raquel Santamaría.

O Concello de Poio puxo en valor hoxe o potencial das variantes xacobeas para crear riqueza e emprego a través do emprendemento e comprometeuse a “impulsar as iniciativas innovadoras” mediante un paquete de medidas en apoio das persoas emprendedoras que incluirá un espazo dedicado en redes e material impreso, campañas de formación, axuda e axilidade nos trámites e Puntos de Atención ao Emprendedor e ao Peregrino que se porán en marcha nas próximas semanas.

Foi na ‘I Xornada de Emprendemento no Camiño’, un foro que se celebrou durante esta mañá e que inaugurou o alcalde Ángel Moldes, acompañado do secretario xeral de emprego da Xunta, PabloFernández, a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, e a directora Directora da Área de Negocio de CaixaBank para Pontevedra Norte, Lorena Giadanes, e que congregou a máis de 50 emprendedores e persoas interesadas nas oportunidades de negocio e emprego nas Variantes Xacobeas que atravesan o Concello.

Durante a inauguración, Moldes subliñou que “esta xornada é fundamental para que os proxectos e as iniciativas que poidan xurdir no futuro vaian orientados cara a demanda real que hai no noso concello”. Así, fixo alusión aos datos aportados polo xerente da Mancomunidade do Salnés, que sinalou que a Variante Espiritual do Padre Sarmiento é un dos produtos de maior éxito. “E nós, desde Poio, estamos percibindo que cada día son máis as persoas e os negocios que se moven ao redor desa variante. O Camiño e as variantes son un grande desestacionalizador do turismo, e supón unha oportunidade que non debemos desaproveitar para crear riqueza, emprego e futuro no noso concello”.

Nesta liña, subliñou que é interesante “analizar cal é a experiencia doutros lugares nos que xa o teñen contrastado, así como de empresas e emprendedores que xa teñen os seus proxectos en marcha noutros concellos sobre o camiño, ou escoitar a voz de persoas con ampla experiencia e coñecemento do sector, como a deputada provincial, Nava Castro”.

A xornada completouse cunha pausa café dentro das propias instalacións do Casal de Ferreirós, e unha mesa redonda na que participaron Carmen Fuentes, xerente do Albergue ‘Nuestra Señora del Camino’, Raquel Santamaría, directora do Hotel Covelo; Albino Vázquez, de ASNAUGA; e Sabela Gippini, CEO de Galiwonders, que ofreceron as claves do emprendemento en primeira persoa, nunha mesa redonda moderada pola tamén emprendedora Elena Vitoria, de Cartablanca e Salmoira, e que deu lugar a un coloquio moi enriquecedor.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, clausurou a xornada resaltando que “tanto para iniciar unha actividade empresarial como para dar o primeiro paso do Camiño de Santiago utilízase a mesma palabra: emprender”, e puxo en valor “que Poio está cheo de oportunidades e tamén de veciños e veciñas con grandes ideas e a a capacidade de poñelas en práctica”.

Destacou ademais que “emprender é crear riqueza, xerar emprego e mellorar a vida dos que nos visitan e dos que viven con nós”, máis aínda “se xiran ao redor dun tesouro como o Patrimonio Xacobeo”.

Durante o foro, anunciaron que nos próximos meses o Concello de Poio implantará un paquete de medidas para facer o camiño do emprendemento máis doado e que incluirán: un espazo específico para as iniciativas innovadoras no Camiño nas redes e no material promocional físico; a ampliación da estratexia “No Bo Camiño” e a divulgación dos datos; tamén anunciou a creación dun itinerario áxil e directo para os trámites e permisos municipais e accións formativas para mellorar a internacionalización e a dixitalización; ademais, anunciou un impulso para a renovación e mellora da sinalética e da mobilidade dos peregrinos, coa colaboración do resto de administracións; e, por último, a creación dun Punto de Información ao Peregrino para os usuarios das dúas variantes nunha ubicación estratéxica, e un Punto de Información ao Emprendedor no Camiño, no que todos os que desexen emprender poderán coñecer información sobre axudas, trámites e todas as ferramentas que se lles ofrecen.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio