Aberto o prazo para presentar propostas aos Premios ao Deporte San Xoán

29/05/2024

A proposta, que debe estar motivada, pódese facer a través da sede electrónica do Concello de Poio.

O Concello de Poio convoca os Premios ao Deporte San Xoán para recoñecer a traxectoria e os éxitos das deportistas femininas e masculinos durante a tempada actual, así como o traballo de clubes e asociacións con actividade deportiva no municipio.

O Consello Municipal de Deportes reuniuse onte pola tarde para aprobar as bases que rexerán a elección das persoas gañadoras destes distintivos, que se van entregar o sábado 22 de xuño, no inicio das festas do San Xoán.

O prazo para presentar as propostas abrirase mañá, mércores, e poderanse rexistrar a través da sede electrónica do Concello de Poio ata o vindeiro 2 de xuño. Deberá constar no documento o nome das persoas candidatas e das entidades deportivas propostas, cunha motivación para a súa elección.

A elección dos e das gañadoras nas diferentes categorías terá lugar na sesión convocada polo Consello Municipal de Deportes o vindeiro mércores, 5 de xuño, no que os e as integrantes analizarán as propostas que se presenten. Os criterios que se terán en conta á hora de facer a elección son a situación actual das diferentes modalidades, entendendo as limitacións e características de cada unha; a superación de resultados de anos precedentes; valoración por éxito individual e colectivo; logros a nivel provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial; consecucións de logros non acadados en anos anteriores; ascenso a categorías superiores; representacións de deportistas locais en clubs de primeira liña; recoñecemento do traballo, voluntariedade, promoción e implicación como eidos fundamentais para fomentar o deporte no noso municipio, así como fóra del; e número de licencias das diferentes modalidades deportivas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio