Poio organiza unha xornada de convivencia na Seca para o alumnado de 6º de primaria

21/05/2024

O obxectivo é que compartan tempo de lecer para coñecerse antes de coincidir no instituto o próximo curso. Inclúe estación multiaventura, xogos de archery e combat en vivo, fútbol burbulla, xogos tradicionais de madeira e estacións de inchables.

O Concello de Poio organiza unha xornada de convivencia á que está convidado o alumnado de 6º de primaria de todos os colexios do municipio, coa que fomentar a súa integración, o desenvolvemento de actividades sociais e o establecemento de novas amizades e, en consecuencia, promover valores fundamentais como o respecto, a solidariedade e a empatía.

Segundo explica a concelleira de Mocidade, Tamara González Ouviña, “será unha oportunidade para coñecerse, para poñerse cara, para gozar todos xuntos antes de coincidir no instituto o próximo curso. Estamos convencidos de que vai ser unha xornada moi divertida, pero sobre todo, e o máis importante, unha ocasión perfecta para que a cativada de todos os colexios se coñeza e comparta tempo de lecer xunta antes de comezar unha nova etapa educativa nas súas vidas. En setembro chegarán a un instituto novo, pero os seus compañeiros xa serán coñecidos”.

A xornada de convivencia desenvolverase o próximo venres, 31 de maio, na Seca e espérase que participen nela preto de cen escolares. Entre as 10.00 e as 13.00 horas poderán disfrutar dunha estación multiaventura, con xogos de orientación, tiro con arco e slackline; xogos de archery e combat en vivo; fútbol burbulla; xogos tradicionais de madeira e estacións de inchables, con rocódromo de escalada, saloon de vaqueiros e taller mecánico.

Esta actividade é gratuíta tanto para os colexios como para a rapazada, xa que está financiada na súa totalidade polo Concello de Poio, que se fai cargo dos custe de todas as actividades na Seca e do transporte desde cada centro escolar.

Por último, Tamara González agradece a colaboración de todos os colexios de Poio: “Este tipo de actividades fortalece o vínculo entre os diferentes centros escolares, sentando as bases para futuras colaboracións e actividades conxuntas”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio