Convocan unha bolsa de traballo para contratar tres condutores de vehículo motobomba

07/05/2024

As persoas aspirantes poden presentar a súa solicitude desde mañá venres ata o luns 13 de maio.

O Concello de Poio abre o proceso selectivo para crear unha nova bolsa de emprego de persoal para a realización de actuacións de defensa contra incendios forestais mediante vehículos motobomba de propiedade municipal. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude desde mañá venres ata o luns 13 de maio, ben a través do rexistro xeral (ata as 14.00 horas) ou de forma telemática durante as 24 horas na Sede Electrónica.

O Concello de Poio contratará tres condutores de vehículos motobombas para as labores de vixía e defensa contra o lume, efectuando, en caso de que fosen necesarias, tarefas de prevención, de cara a evitar posibles incendios durante a tempada estival.

A proba selectiva farase mediante o sistema de concurso-oposición libre, cunha primeira fase de concurso, onde se valorarán a experiencia laboral e a formación, e un exercicio na fase de oposición, que consiste nunha proba de aptitude física. Segundo a puntuación obtida, os participantes formarían parte dunha lista de contratación.

Xunto coa solicitude, para participar no proceso deben acompañar copia do DNI, do título académico e/ou carné de conducir B e C, copia dos documentos que acrediten os méritos alegados para a fase de concurso e pago das taxas correspondentes para dereitos de exame, que son 5 euros, e que deberán abonar a través da conta habilitada ou a través de concellopoio.gal. Tamén na páxina web poderán consultar, a través do Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica, as bases xerais e específicas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio