Aprobado o cambio de uso da Gardería de Campelo para convertelo nun Centro de Día municipal

07/05/2024

Ángel Moldes deu lectura a unha declaración institucional en apoio á actividade marisqueira.

A gardería de Campelo xa se pode destinar a Centro de Día municipal. No pleno ordinario de abril, que se celebrou onte, a corporación aprobou, cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG, facer un cambio de uso da parcela, para poder destinala a fins asistenciais. Deste xeito, segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, “dámos un paso máis para facer realidade un centro importante para a atención aos nosos maiores e cumprir un dos proxectos que estaba no noso programa de Goberno”. O seguinte, indicou, é seguir traballando co resto de administracións para achegar investimentos de cara a implantar o servizo.

A parcela, de case 2.000 m² de superficie, conta cunhas instalacions de 629 m², é accesible e está situada nunha contorna e ubicación inmellorables para ofrecer á veciñanza, aos maiores e ás familias de Poio “un centro imprescindible e necesario”, destacou Cochón. Así, subliñou a importancia de adaptar os equipamentos e servizos á realidade demográfica do concello, xa que máis do 20% dos veciños de Poio teñen máis de 65 anos, e hai 1.000 veciños de máis de 80 anos, case o 6%. “O urbanismo e os proxectos teñen que estar ao servizo dos veciños para mellorar a súa vida e converter Poio nun concello mellor para vivir, independentemente da idade ou das circunstancias sanitarias, familiares e sociais”.

Na sesión, o alcalde Ángel Moldes tamén deu lectura a unha declaración institucional consensuada polos tres grupos da corporación en apoio ao sector marisqueiro. Asegurou que “o mar é fundamental para Poio, move a nosa economía e xera emprego. Por iso, o mar e as súas xentes son unha prioridade para toda a corporación. E ante a situación tan complicada que o sector está vivindo, acumulando xa tres meses sen actividade pola crise da mortaldade da ameixa, non podemos permanecer impasibles”. Por iso, amosaron o seu apoio “a todo o sector do mar, a todas as persoas que de xeito directo ou indirecto se ven afectadas por esta crise, e reclama unha implicación real das administracións. Unha implicación que permita aprobar axudas e flexibilizar temporalmente as obrigas fiscais, tras meses sen ingresos, pero tamén solicitamos medidas que permitan rexenerar os areais e bancos marisqueiros así como aprobar un plan de continxencia fiable”.

PAGO DE DÉBEDAS

Na orde do día do pleno tamén figuraba saldar a débeda con once propietarios polos alugueres dos terreos da área arqueolóxica da Caeira, cuxos últimos importes aboados corresponden a decembro de 2021, así como un recoñecemento extraxudicial de crédito no que se incluían, entre outras, facturas de traballos feitos en vésperas das eleccións municipais. Facturas que, como indicou o alcalde, se rexistraron no concello en febreiro e que corresponden a traballos feitos en marzo e maio de 2023: sobreancho do camiño Cereiro-Sartal; apertura de caixa, escavación e zahorra sobreancho no camiño do Castro, Campelo; asfaltado de sobreancho no camiño de Liñares; paso de peóns A Barca; formación de lombo reductor de velocidade no camiño Lamoseiros; sobreancho no camiño da Cachada, en Campelo; e luminarias en camiño da Serpe.

Unha situación que, explicou Moldes, xunto a todas as facturas que deixaron pendentes teñen unha repercusión directa no período medio de pago do concello. “Despois de deixar máis de 1,2M€ de facturas sen pagar, é curioso que agora se preocupen polo periodo medio de pago do concello”. Ademais, explicoulle cal é a receita do Goberno a nivel económico: Estamos pagando facturas sen recortar servizos, ese é o gran desafío que ten este Goberno, e o estamos conseguindo optimizando recursos para pagar toda a débeda e sanear as contas deste concello. Facendo máis con moito menos”.

ÁRBORES DA PRAIA CABECEIRA

Durante o pleno, Ángel Moldes volveu a explicar a cronoloxía dos motivos que levaron a Costas a cortar as árbores na praia da Cabeceira, despois de que caese unha árbore sobre a caseta das mariscadoras. Recordou que o Concello de Poio non ten ningunha competencia sobre este terreo, pero que para garantir a seguridade da zona, solicitou á Estación Fitopatolóxica do Areeiro un informe para analizar todas as árbores da zona que, posteriormente, remitiu a Costas do Estado.

E ao coñecer esta situación, continuou, os técnicos de Costas achegáronse á praia para analizar e marcar as árbores que había que cortar. E amosou o informe que elaborou o servizo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica no que se indica, sobre plano e baixo o criterio dos seus técnicos, as árbores da Cabeceira que había que talar para evitar riscos de caída. O que indica este informe, literalmente, é que “segundo a documentación aportada, a actuación solicitada consiste no apeo de varias árbores localizadas en dominio público (…) polo potencial risco de causar danos persoais ou materiais importantes na praia da Cabeceira. As árbores existentes son pinos e eucaliptos que foron marcados recentemente, un total de 26. Dos cales 10 están en mal estado, e segundo informe do persoal técnico deste Servizo se proporía o apeo dos seguintes exemplares (marcados en campo e numerados en plano adxunto á presente resolución): 1, 2, 3, 4, 5, 6, 9, 11, 14 e 15. Nas restantes árbores numeradas en plano, poderíase facer algunha actuación de poda ou clareo”.

Con isto, Moldes agradeceu a Costas que actuase “con responsabilidade e co único obxectivo de evitar mortes”. Así, preguntou ao voceiro socialista se, despois de coñecer que son os seus propios compañeiros os que tomaron a decisión, sigue cualificando o sucedido como unha “aberración”.

Por último, informou que mañá xoves ten prevista unha reunión en Costas para tratar diversos asuntos que afectan ao concello, entre eles a posible rexeneración da zona, pero antes facendo unha valoración do terreo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio