Poio recibe as bandeiras que ondearán nos catro Sendeiros Azuis do concello en 2024

13/03/2024

Os sendeiros galardoados este ano por primeira vez, a Senda do Laño e a Ruta dos Muíños de Samieira, únense aos que renovan a distinción, o Sendeiro Litoral de Poio e á Variante Espiritual do Camiño Portugués, para conformar 18 quilómetros “de lugares únicos para pasear, desfrutar a natureza e descubrir Poio”.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, recolleu este mércores os distintivos Bandeira Sendeiro Azul outorgados a catro sendeiros de Poio que suman un total de 18 quilómetros. Os itinerarios galardoados son a Senda do Laño, a Ruta dos Muíños de Samieira, ambos recoñecidos por primeira vez en 2024, o Sendeiro Litoral de Poio e a Variante Espiritual do Camiño Portugués, que renovan esta distinción.

Foi durante o acto de entrega destes galardóns aos 128 Sendeiros Azuis recoñecidos pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), que tivo lugar en Las Rozas, na Comunidade de Madrid. Cochón recibiu os distintivos de man do alcalde das Rozas, José de la Uz, e o presidente de Adeac, José Palacios Aguilar.

Cochón amosou a súa satisfacción por un distintivo “que acredita o noso compromiso coa protección e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico de Poio e a nosa aposta por un turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade, pero tamén por unha contorna coidada para veciños e visitantes”.

“O atractivo turístico non só é compatible coa sensibilidade ambiental, o disfrute veciñal e a posta en valor do patrimonio, senón que ao combinar estes factores multiplicamos o seu potencial”, indicou Cochón, “e poucos lugares representan este efecto multiplicador como os Sendeiros Azuis de Poio”.

A responsable de Turismo destacou que coa incorporación da senda do Laño e os Muíños de Samieira, Poio duplica o número de sendeiros azuis do municipio e sitúase como un dos concellos con máis distintivos de toda España. Por iso, convidou a todo o mundo a coñecer e desfrutar “dun patrimonio de todos” e comprometeuse a seguir coidando e mellorando “uns lugares únicos dos que toda a xente de Poio se sente enormemente orgulloso”.

O programa “Sendeiros Azuis”, da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o desfrute da natureza a través de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles. Para obter este galardón, o Concello de Poio tivo que cumprir un conxunto de criterios e indicadores en catro categorías, avaliadas por un xurado de expertos de toda España.

En 2024, o xurado recoñeceu por primeira vez a Senda do Laño e a Ruta dos Muíños de Samieira, mentres que renovou as distincións do Sendeiro Litoral de Poio e da Variante Espiritual do Camiño Portugués, outorgadas en 2022 e 2023, respectivamente.

A Senda do Laño percorre parte da faixa litoral da parroquia Samieira, cun itinerario de 1,2 quilómetros de baixa dificultade. O camiño comeza no peirao do Covelo e discorre polas praias de Covelo, O Caeiro e Laño. Ao final do roteiro pódense contemplar as fermosas vistas da ría de Pontevedra desde o miradoiro do Laño.

A ruta dos Muíños de Samieira ten unha lonxitude de 2,5 km e presenta un baixo grao de dificultade. Ao longo do itinerario ubícanse un total de 23 muíños na marxe río Freiría. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo e conta con zonas de descanso con mesas e bancos.

O sendeiro Litoral de Poio realiza un percorrido circular, de case 5 quilómetros de extensión, entre o Parque da Memoria da Seca e Lourido. A senda discorre por lugares de moito interese como a Reiboa, o paseo da Ostreira, o peirao de Campelo e as praias de Lourido.

Finalmente, a Variante Espiritual do Camiño Portugués une dous itinerarios xacobeos: O Camiño Portugués e a Ruta do Mar. Comeza en Fragamoreira, na parroquia de San Xoán, e discorre por lugares emblemáticos de Poio como o Mosteiro de San Xoán ou Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio