Poio inaugura nos colexios o Banco da Paz, un espazo de diálogo, de apertas e no que fomentar a empatía

01/02/2024

O Concello de Poio inaugurou hoxe nos colexios de infantil e primaria do municipio os bancos da paz, coincidindo coa conmemoración do Día da Paz e non Violencia. O alcalde Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou o CEIP Espedregada, en Raxó, onde convidou ao alumnado a utilizar este banco “sempre que queiran, para solucionar conflitos, para compartir sentimentos, para escoitar, para axudar… porque é un lugar ao que recorrer cando calquera estudante busque paz e boa convivencia”.

Nesta liña, agradeceu o traballo da concelleira Natalia Sabarís por poñer en marcha “un proxecto moi positivo e que promove moitos valores escolares, e que conta coa colaboración dos propios centros, porque desde o Goberno consideramos que é importante que a propia comunidade escolar se involucre e, neste senso, temos que recoñecer que sempre atopamos a máxima colaboración por parte de todo o profesorado”. Refírese a que o banco non só promove o diálogo, o respecto e o bo comportamento, senón que o propio alumnado participou na súa decoración e, ademais, promóvese a reciclaxe, posto que cada un dos cinco bancos colocados nos colexios están realizados con material reutilizado.

Ademais de inaugurar estes bancos da paz, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, tamén leu un conto no que se anima a usar o banco da paz, e xunto co alcalde, fixeron entrega dunha pulseira da paz a cada alumno. “Hoxe a rapazada adquire tamén un compromiso. Con esta pulseira adquiren un reto, responsabilízanse en que van facer un bo uso dela durante todo o curso, demostrando empatía, amizade, comprensión, tolerancia… nas relacións cos seus compañeiros, nas súas casas, cos seus profesores”, explicou Moldes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio