POIO ABRE UN NOVO  APARCAMENTO GRATUÍTO DE MÁIS DE 150 PRAZAS NA “FINCA DA COCA-COLA”, EN SAN SALVADOR

13/01/2024

2023.

Poio conta desde hoxe cun novo aparcadoiro disuasorio con 151 prazas de estacionamento libre e gratuíto, das que catro serán para persoas con mobilidade reducida.

O alcalde, Ángel Moldes, visitou esta mañá o equipamento coincidindo coa apertura de portas, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón. O estacionamento ocupa a antiga ‘Finca da Coca-Cola’, unha parcela de 6.000 m² na rúa Valiña, na parroquia de San Salvador que levaba máis de 15 anos sen uso. Nas últimas semanas, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento e limpeza, retirada de material, mellora do firme e nos próximos días rematará coa instalación de puntos de luz para garantir a máxima seguridade.

“Hoxe estamos ante un novo feito, facemos realidade un compromiso que adquirimos na oposición cos veciños desta zona para dar resposta a unha demanda histórica”, subliñou Ángel Moldes, ao tempo que recoñeceu que “os residentes neste lugar tiñan que facer auténticos malabares para atopar unha praza cando volvían do traballo”.

O alcalde explicou que o desbloqueo do proxecto foi posible grazas a unha modificación puntual do PXOM, aprobada no pleno de agosto, e a sinatura dun convenio coa empresa propietaria dos terreos permitindo o seu uso inmediato con fins de aparcamento. Con todo, dixo que o obxectivo era abrilo antes, pero os trinta días de temporais continuados condicionaron a posta a punto do aparcamento.

Pola súa banda, a responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, destacou a satisfacción de recuperar uns terreos de gran extensión que lamentablemente levaban moitos anos baldíos e sen uso “para darlles unha nova vida e poñelos á disposición da xente nunha das zonas máis dinámicas e poboadas de Poio”. 

Máis de 5.000 persoas viven nun radio de 500 metros do novo aparcamento, entre eles case 1.500 só nas rúas Valiña e Benigno Esperón. “A todas elas beneficiará directamente este espazo, así como ao comercio, a hostalaría e a todo o tecido económico e social da zona”, sinalou.

A concelleira puxo a nova instalación e o traballo que se vén facendo polo novo goberno como exemplo de “política útil que mellora a vida da xente desde as administracións”, axudando a paliar un grave problema de estacionamento e garantindo “máis servizos e desenvolvemento económico, maior calidade de vida” e aproveitando o mellor posible os recursos públicos “con rigor e sentidiño”.

En relación ás políticas para as persoas que se poden poñer en práctica desde o urbanismo, explicou que a dotación dun espazo de aparcamento é “algo pequeno pero que pode supoñer unha gran diferenza na calidade de vida dos veciños e as veciñas que poden dedicarlle máis tempo ao importante”, e puxo en valor as preto de 500 que o novo Goberno leva habilitado en só 6 meses. Destacou tamén a importancia que estas medidas teñen tamén en termos de sustentabilidade, mobilidade e seguridade viaria nun núcleo tan poboado e dinámico.

Finalmente, recordaron as numerosas ocasións en que, desde a oposición, compareceron para pedir actuacións nesa mesma finca e en relación ao problema do aparcamento: “É un orgullo poder facelo hoxe, despois de 6 meses de Goberno, poñendo en práctica solucións”.

“Seguimos desatascando o empantanado polo Tripartito, facendo máis con menos, cumprindo o noso programa e atopando solucións onde antes había problemas”, recalcou Cochón: “Demostramos todo o que se pode conseguir cun equipo unido e un único alcalde, Ángel Moldes, centrado en gobernar para todos”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio