O INFORME DA SECRETARÍA AVALA A DECISIÓN DO GOBERNO DE COMEZAR DESDE CERO O CONTRATO DA AUGA 

13/01/2024

2023.

O informe elaborado pola secretaría xeral do Concello de Poio avala a decisión que tomou o novo Goberno de paralizar o proceso anterior e iniciar desde cero o contrato de abastecemento e saneamento da auga. Así, este documento, que dá resposta ás preguntas realizadas pola oposición en pleno, indica que a intervención municipal realizou xa un exame exhaustivo do anterior procedemento evidenciando, ata en cinco ocasións, as dificultades para aprobar os termos no que se realizaba a proposta e mesmo incluíu un informe de reparo suspensivo, motivos polos que consideran que “as advertencias realizadas son de suficiente importancia como para paralizar o proceso”.

Con todo isto, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, indica que “con este informe da secretaría xeral, cos reparos da interventora e coas consultas realizadas aos técnicos municipais hai razóns evidentes e máis que xustificadas para iniciar un procedemento novo que nos permita ofrecer o mellor servizo aos veciños, garantir a máxima calidade da auga e, ademais, facer investimento para ampliar ou renovar a rede destes servizos básicos”. 

No escrito da secretaría faise referencia a cada un dos cinco informes elaborados pola interventora, o primeiro deles do 27 de abril de 2022, no que chama a atención sobre que non figura no expediente un estudo de viabilidade do contrato de concesión dos servizo e, tampouco se motiva, xustifica ou documenta que a forma de xestión que se elixe é a máis sostible e eficiente. Sobre estas cuestións, a interventora volve a insistir nun novo informe con data de 13 de maio dese mesmo ano.

Por iso, o secretario recolle literalmente que “a pesar das consideracións realizadas pola intervención municipal continuouse coa tramitación do expediente sendo advertidas novas consideracións pola intervención municipal nun terceiro informe o 3 de agosto de 2022”.

Volven a incidir que este tipo de contratos de servizos “deben regular a distribución dos riscos entre a administración e o concesionario”, pero no anterior contrato “parece que o risco que vai a asumir o contratista é mínimo”. E incluso a interventora, “ante as dúbidas plantexadas”, recomenda solicitar a emisión de informe por parte da Oficina Nacional de Avaliación dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública.

En canto á natureza xurídica da contraprestación aboada polos usuarios polo recibo de auga, tanto os informes da intervención como o que agora recolle a secretaría xeral insisten en que a nova Lei de contratos do sector público, que entrou en vigor en 2018, que impide manter o sistema de taxase obriga a cambiala a tarifa do servizo. “No expediente obxecto de informe se configuran como taxas as tarifas a aboar polos usuarios do servizo, sendo isto contrario á normativa vixente”. Ademais, tamén incide en que os investimentos que se inclúen na documentación preparatoria do contrato “pretenden deixar en mas do concesionario a execución das obras sen precisar a súa definición e importe previamente, o que supón unha indefinición de elementos esenciais da concesión”. Todas estas cuestións son repetidas nos últimos dous informes da intervención que agora recolle o secretario, con data 12 e 17 de abril de 2023. 

Así, no escrito da secretaría conclúe que a documentación preparatoria do contrato se atopa referida a novembro de 2022, e considerando que os valores que se atopan reflectidos poderían ter cambiado é necesario facer unha revisión íntegra desa documentación para acomodalos á realidade actual. Pero, ademais, o estudo de custes analiza distintos compoñentes que resultan ponderados sobre o sumatorio dos custes revisables e non sobre o valor íntegro da actividade. E, do mesmo xeito, a fórmula de revisión de prezos determina aos do ano anterior e non da data de formalización do contrato.

Con estes antecedentes, o novo Goberno xa deu os primeiros pasos para buscar solucións ao contrato de auga, que leva en situación precaria desde hai anos xa que desde hai anos non hai contrato coa empresa que está prestando o servizo. Uns trámites que deben comezar desde cero porque non se pode aproveitar ningún dos estudos feitos ata o de agora. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio