POIO PON EN MARCHA UN ROUPEIRO MUNICIPAL PARA AXUDAR ÁS FAMILIAS CON DIFICULTADES

13/01/2024

2023.

O Concello de Poio pon en marcha un roupeiro municipal, co que atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que se fomenta a economía circular e se potencia o uso de roupa de segunda man, dando unha segunda vida a prendas ou artigos que outras persoas xa non utilizan.

“Con esta iniciativa queremos dar resposta a unha necesidade real e urxente que teñen algunhas familias do noso concello, ao tempo que fomentamos e potenciamos o uso de roupa de segunda man, reducindo así o número de desfeitos”, sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres. Polo tanto, engade, “este servizo non só beneficia ás persoas que reciben as prendas, senón que tamén beneficia a aqueles que buscamos un lugar no que entregar a roupa ou, incluso, outras pertenzas que están en bo estado pero que xa non nos son útiles e que non sabemos que facer con elas”.

Segundo explica a edil, este servizo está destinado a usuarios derivados directamente desde o departamento de Servizos Sociais, persoas en situación de especial vulnerabilidade e que asinan un documento comprometéndose a non revender a roupa que se lle dona.

As persoas que queiran facer as súas doazóns, poden entregalas ou informarse no Pazo Besada. Ademais de roupa e calzado, tamén poden facer entrega doutros artigos, como roupa de cama, sillas e outros artigos para bebés, mochilas… que estea limpa e en bo estado. A propia concelleira e a educadora familiar encárganse de seleccionar a roupa, comprobar que estea en boas condicións, que non teña ningún descosido ou manchas…

Para acoller o roupeiro municipal habilitouse un espazo propio na Casa Rosada, un lugar que permite organizar toda a roupa e ofrecer un servizo cómodo para os usuarios. 

Esta nova iniciativa, que nace para funcionar durante todo o ano, súmase a outras accións que están desenvolvendo desde a concellería de Benestar, como a recollida de xoguetes polo Nadal para que ningunha crianza quede sen sorriso, ou as axudas de emerxencia que se ofrecen desde o departamento para as familias máis vulnerables. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio