POIO DÁ UN PASO MÁIS NA CREACIÓN DA MESA DE TURISMO, QUE PODERÍA REUNIRSE XA A PRINCIPIOS DE DECEMBRO

13/01/2024

2023.

O Goberno de Poio deu esta mañá un novo paso cara a constitución da Mesa Local de Turismo, coa aprobación do ditame do proxecto de regulamento na Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deporte celebrada este mércores. O visto bo da comisión, co voto unánime de todos os grupos, deixa o texto en disposición de ser incluído na orde do día do vindeiro pleno da corporación.

Para a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Rocío Cochón, a tramitación da Mesa e o ditame do regulamento constitúen “un paso histórico” xa que “é a primeira vez que Poio se vai dotar dun órgano consultivo experto, con representantes do sector, das administracións e do tecido social para entre todos, consolidar un destino á altura do noso concello”.

O regulamento ditaminado hoxe recolle os as normas de funcionamento do futuro órgano consultivo, que estará presidido polo alcalde, mentres que a vicepresidencia recaerá no ou na edil que xestione a área de turismo, nestes momentos a propia Cochón. A Mesa contará tamén cun técnico ou técnica municipal na secretaría do órgano, representantes dos distintos grupos municipais, das administracións con competencias en Turismo, como Xunta, Deputación, Goberno de España, así como entidades como o Clúster de Turismo, as Mancomunidades de Pontevedra e o Salnés, ou os GALP. O tecido empresarial e profesional do municipio estará especialmente presente, con representantes de todos os sectores: aloxamentos -incluídos hoteis e vivendas de uso turístico-, restauración, navieiras, así como outros servizos turísticos; ao igual que o asociacionismo, con colectivos veciñais e culturais.

Ademais, a Mesa poderá propoñer a incorporación de novos membros ou convidar a profesionais e expertos en calquera ámbito para non perder ningunha perspectiva: “O obxectivo é sumar visións, experiencias e coñecemento para converter un concello único nun destino insuperable”, sinala Cochón.

A Mesa reunirase dúas veces ao ano, unha por semestre, intentando que esas reunións coincidan cos periodos de menor actividade do sector. Nese sentido, a concelleira confirma que a tramitación da Mesa “meteu unha marcha máis”, ao presentarse este mércores á comisión, co fin de poder debater e aprobar a creación da Mesa no pleno de novembro e manter a primeira reunión a principios de decembro.

“Temos moitos proxectos e iniciativas que presentar e, estou segura, moitas ideas que recoller antes da campaña de Nadal e dun novo exercicio que esperamos sexa outra vez de récord”, explicou a edil: “Vénse un 2024 apaixoante para o turismo de Poio e queremos que nos colla traballando xuntos co sector”.

Cochón recordou que, nas dúas semanas ata o seu debate no pleno, o regulamento poderá recibir achegas dos demais grupos, e anunciou reunións e contactos para ir configurando xa a primeira sesión. Desde a chegada do novo goberno, puxéronse en marcha importantes iniciativas como o impulso de Tambo como referente do turismo natural e sostible, o proceso de escoita e mellora das variantes xacobeas, a solicitude de novos sendeiros azuis para rutas naturais ou o inicio do expediente para a declaración da Ameixa como Festa de Interese de Galicia.

O novo goberno espera que a Mesa sexa o punto de encontro idóneo para involucrar a todo o sector, escoitar as súas achegas e entre todos “aproveitar máis e mellor o enorme potencial do noso concello e avanzar en obxectivos como a internacionalización, a sostibilidade ou a desestacionalización”.

UNHA INVITACIÓN A DESCUBRIR POIO EN OUTONO

En relación ao obxectivo da desestacionalización, Cochón destacou a iniciativa do Goberno galego #DescubreGaliciaEnOutono, un bono turístico co que se procura incentivar o turismo interno fóra de tempada entre a poboación galega.

A concelleira de Turismo visitou un dos establecementos adheridos a esta campaña en Poio, os apartamentos turísticos “Veiga da Fraga”, en San Xoán, onde agradeceu ao propietario, David, por ser “unha desas iniciativas emprendedoras, ofrecendo un produto de calidade no Muíño, nunha zona con moito potencial”, e púxoo como “un exemplo da capacidade de Poio de ofrecer experiencias únicas para todos os 365 días do ano”.

Cochón enxalzou a capacidade de establecer sinerxias entre administracións, profesionais e veciños, por construír un sector e un destino máis forte entre todos, con ideas innovadoras e aproveitando todos os recursos do Turismo de Poio: “Ningún lugar mellor para facelo que na Mesa de Turismo e ningún momento mellor que xa”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio