COMEZA EN CAMPELO A FESTA DA AMEIXA CUNHA HOMENAXE Á XENTE DO MAR

12/01/2024

2023.

A Festa da Ameixa de Campelo inaugurouse esta tarde cunha homenaxe á xente do mar, na que se fixo entrega da Ameixa de Prata do Concello de Poio ás mariscadoras que se xubilaron no último ano e se recoñeceu a labor de Rosa Quintana durante os últimos anos en prol do sector. Un acto que contou coa asistencia do alcalde, Ángel Moldes, do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e dos deputados provinciais, María Ramallo e Marcos Guisasola, así como doutros membros da corporación municipal, representantes das confrarías e das agrupacións de marisqueo, de asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e das empresas do sector.

O Concello de Poio fixo entrega da Ameixa de Prata a Teresa Ameneiros, Benito Casás, María Jesusa del Carmen Castiñeira, Dorinda García, Daniel Besada e Manuel Aboal, Paulino Graña, Dolores Lamas, María Jesús López, Josefa Piñeiro e Carmen Ramírez, por parte da Confraría de San Telmo; Peregrina Sartal, Mª Ángeles Falcón, Julia Lamoso, María Magdalena Castiñeira, Milagros Martínez, da Confraría de Lourizán; e da confraría de San Gregorio de Raxó, a María Del Carmen Simón, Paz Martínez e Daniel Florentino Ríos. “Mulleres e homes que adicaron a súa vida ao mar, mariscadoras e mariscadores que coa vosa labor contribuídes a poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do noso concello, a auténtica ameixa cultivada na nosa ría”, salientou o alcalde Ángel Moldes.

Durante a súa intervención, tamén incidiu en que “desde o primeiro momento o novo Goberno tiña claro que queríamos converter esta festa nun escaparate do produto e das mariscadoras e dos mariscadores, para enxalzar a excelencia da nosa ameixa e incrementar as súas vendas cara o exterior”. E recordou que a Festa da Ameixa “é unha das festas máis emblemáticas do noso concello, e tamén a máis antiga”, e por iso chamou a “ir todos da man e unir esforzos para conseguilo”, agradecendo que o sector, as entidades e os colectivos responderan á chamada do Concello de Poio para participar coa organización da festa “e facela máis participativa”.

Tamén esta tarde, fíxose unha homenaxe á ex conselleira do Mar, Rosa Quintana, un recoñecemento que partiu do propio sector, das tres confrarías e das mariscadoras, e ao que se sumou o Concello de Poio para agradecer, segundo explicou Moldes, que o sector sempre atopou en Rosa “unha aliada para defender a nosa costa, ao sector e aos nosos traballadores. Hoxe ten outras responsabilidades, pero o sector decidiu, con moito criterio, aproveitar este momento para recoñecer e agradecer o apoio que recibiron durante todos estes anos, así como o traballo que se fixo para profesionalizar ás mariscadoras, unha decisión que é compartida, como non pode ser doutro xeito, polo Concello de Poio. É de xustiza recoñecer publicamente a quen se deixou a pel durante tanto tempo en defender un sector que é fundamental no noso concello”.

PROGRAMACIÓN DO SÁBADO E DOMINGO

A Festa da Ameixa continúa mañá sábado e domingo, coa degustación e apertura da carpa ás 12.00 e ás 20.00 horas. As persoas que se acheguen ata a Praza da Granxa terán ocasión de elixir entre ameixas á mariñeira (9,50 euros a ración), con fideos ou arroz con ameixas (8 euros en ambos casos). De postre, servirase tarta de Santiago, con opción a solicitar unha porción (3 euros) ou unha unidade enteira (15 euros).

Con respecto ao resto da programación, mañá entre as novidades inclúese unha sesión vermú coa música en directo de Desconcerto, repetindo así un formato que tivo grande éxito na Festa do Mar que se celebrou en agosto en Combarro. Xa pola tarde, será a quenda dos máis pequenos, que poderán gozar na Praza da Granxa dunha festa infantil con inchables e obradoiros. Ás 21.30 horas celebrarase o certame de Canción Mariñeira. Ademais, este ano recupéranse os fogos de artificio desde o Porto de Campelo e, a continuación, actuará a orquestra La Fórmula.

O domingo inclúense as actuacións da Banda de Música de Arcade, ás 13.00 horas, e da Escola de Acordeóns de Campelo, que se recupera nesta edición ás 20.00 horas. O espectáculo dos Bolechas, que se levará a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia, será ás 18.00 horas na praza e con entrada de balde. E, para rematar as festas, ás 21.00 horas actuará a orquestra Capitol, tamén na Praza da Granxa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio