INÍCIANSE OS TRÁMITES PARA DECLARAR A FESTA DA AMEIXA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio inicia os trámites para que a Festa da Ameixa sexa declarada de interese turístico de Galicia. O alcalde Ángel Moldes subliña que é unha das festas máis emblemáticas do concello e tamén a máis antiga, e que cumpre cos requisitos para alcanzar esta distinción. Por iso, avanza que xa están comezando a recompilar e preparar toda a documentación esixida para conseguir este recoñecemento. Con respecto ao balance da celebración esta fin de semana, a Festa da Ameixa de Campelo esgotou existencias, e nin as chuvias do domingo frearon a chegada de comensais para degustar o produto. En total, repartíronse 1.332 racións, das que 856 corresponderon a ameixas á mariñeira, a preferida dos asistentes, fronte a 298 racións de fideos con ameixa e 178 de arroz con ameixas.

O día de máis afluencia de visitantes foi o domingo ao mediodía, pero as colas tamén se rexistraron o sábado durante todo o día. De feito, durante esa xornada vendeuse case un 10% máis de racións que o ano anterior. Ata a Praza da Granxa achegáronse visitantes de toda Galicia, pero tamén de Asturias, Castela León, Extremadura, Illas Canarias, País Vasco, Cataluña, Murcia, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía, Navarra ou Castela A Mancha.

Ademais de enxalzar a calidade da ameixa da Campelo, os asistentes tamén valoraron outro tipo de cuestións, como que a programación se estendeu durante todo o día o sábado e o domingo, incluíndo propostas para os máis pequenos pola tarde e engadindo a sesión vermú o sábado ao mediodía así como os fogos de artificio, pero tamén a decoración das carpas, nas que se apostou por recrear un ambiente mariñeiro mesturando madeira, redes e outros útiles de pesca, para convertela nun espacio máis acolledor. En definitiva, segundo explica Moldes, o obxectivo foi “ser o máis eficientes posibles, ofrecer máis calidade na programación e facelo con menos recursos, e creo que conseguimos organizar unha festa á altura do produto de Campelo”.

Por último, agradece a implicación das confrarías, das agrupacións de mariscadoras, das empresas locais do sector mar-industria, así como dos colectivos de Campelo que colaboraron coa organización da festa para que esta edición fose “o máis participativa posible”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio