DEGUSTACIÓN, MÚSICA E ANIMACIÓN INFANTIL PARA ENXALZAR ESTA FIN DE SEMANA Á AMEIXA EN CAMPELO

12/01/2024

2023.

Campelo celebra entre o venres e o sábado a XXXV edición da Festa da Ameixa, que inclúe importantes novidades nunha programación que pretende enxalzar a calidade deste produto así como render homenaxe ás mariscadoras e mariscadores. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado por representantes das tres confrarías, das mariscadoras, da comisión de festas e da asociación de veciños, presentou esta tarde a programación na Lonxa de Campelo, coincidindo coa poxa da ameixa.

Moldes destacou que esta é unha ocasión importante non só para poñer en valor o produto, senón tamén para recoñecer a labor do sector do mar e, concretamente, das mariscadoras e dos mariscadores. Nesta liña, incidiu en que desde o primeiro momento “o novo Goberno quería que a Festa da Ameixa fose un escaparate do sector, un sector fundamental para Poio. Temos centos de mulleres e homes que se dedican ao marisqueo”, e por iso, explicou, “esperamos ata última hora para asegurar que podíamos ter unha festa de ameixa con produto noso”.

Así, ademais da degustación “do produto local e da máxima calidade”, tamén se inclúe unha programación atractiva na que se introducen como novidade actividades e espectáculos para os máis pequenos, cunha festa infantil o sábado e a actuación dos Bolechas o domingo, así como actuacións musicais durante todo o día. “Quixemos repetir a filosofía que puxemos xa en marcha coa Festa do Mar de Combarro, facéndoas máis participativas e fomentando a colaboración dos diferentes colectivos na súa organización”, e destacou que forman parte as confrarías, as agrupacións de mariscadoras, o equipo de veteráns e a asociación de veciños de Campelo.

As persoas que se acheguen ata a carpa que se habilitará na Praza da Granxa terán ocasión de elixir entre ameixas á mariñeira (9,50 euros a ración), con fideos ou arroz con ameixas (8 euros en ambos casos). De postre, servirase tarta de Santiago, con opción a solicitar unha porción (3 euros) ou unha unidade enteira (15). A degustación levarase a cabo tanto o sábado 16 coma o domingo 17 de setembro, con apertura da carpa ás 12.00 horas os dous días.

Pero a programación comeza xa o venres 15, coa homenaxe que o Concello de Poio rende a 19 mariscadoras e mariscadores que se xubilaron durante o último ano, ás que lle fará entrega da Ameixa de Prata, acto que inclúe tamén o recoñecemento que as tres confrarías queren facer a Rosa Quintana, ex conselleira do Mar, polo seu traballo e o seu apoio ás mariscadoras nos últimos catorce anos desde a Xunta de Galicia.

Xa o sábado, entre as novidades inclúese unha sesión vermú coa música en directo de Desconcerto, repetindo así un formato que tivo grande éxito na Festa do Mar que se celebrou en agosto en Combarro. Xa pola tarde, será a quenda dos máis pequenos, que poderán gozar na Praza da Granxa dunha festa infantil con inchables e obradoiros. Ás 21.30 horas celebrarase o certame de Canción Mariñeira. Ademais, este ano recupéranse os fogos de artificio desde o Porto de Campelo e, a continuación, actuará a orquestra La Fórmula.

O domingo inclúense as actuacións da Banda de Música de Arcade, ás 13.00 horas, e da Escola de Acordeóns de Campelo, que se recupera nesta edición ás 20.00 horas. O espectáculo dos Bolechas, que se levará a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia, será ás 18.00 horas na praza e con entrada de balde. E, para rematar as festas, ás 21.00 horas actuará a orquestra Capitol, tamén na Praza da Granxa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio