O ALCALDE PRESENTA AS ACTUACIÓNS MUSICAIS QUE DARÁN COMEZO ÁS FESTAS DE SAN XOÁN 2023

12/01/2024

2023.

Esta mañá o Salón de Plenos do Concello de Poio acolleu a presentación oficial da actividade que dará o pistoletazo de saída das festas patronais de San Xoán de Poio 2023, na que participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes Martínez, acompañado de Nelson Quinteiro e parte dos cantareiros e cantareiras que integran Máis Cantos.Este ano, como novidade, o día do Pregón, 22 de xuño a partir das 21:00 h terá lugar a presentación da “Danza e Contradanza de Poio”, unha danza branca creada orixinalmente para as Festas de San Xoán e que se inspira en outras danzas brancas que son tradicionais en moitas vilas galegas.

DESCARGAR PROGRAMA

A “Danza e Contradanza de Poio” toma como banda sonora a “Foliada de Campelo” para a danza e a “Muiñeira de Poio” para a contradanza. A peza, creada en exclusiva para esta festa e ensaiada nas instalacións do Centro Coreográfico Galego (A Coruña), é froito dunha creación colectiva da man dos bailaríns Iván Villar (Premio Max 2021 como mellor intérprete e danza masculino), Ricardo Fernández Louro (Candidato aos Premios Max 2022 como mellor intérprete e danza masculino), Ariadna Vázquez e Nelson Quinteiro, inspirador e director da peza.

Será interpretada por 3 bailaríns nesta edición, pero pensada para que en vindeiras celebracións sexan veciños e veciñas de Poio os que aprendan e interpreten esta danza converténdoo en algo popular e que se poida converter nunha tradición. A música en directo correrá por conta de David Lorenzo e Nelson Quinteiro á gaita e Simón Fdez Calvo ao tamboril.

Ademais desta danza, duns 10 minutos de duración, a festa contará coa amenización da “Charanga Mais Cantos” e das voces de preto de 50 cantareiros e cantareiras “Mais Cantos”, un grupo de musicoterapia social e envellecemento activo que ensaia regularmente no Local Veciñal de Lourido e Mogor, e no que conflúen xentes de toda a bisbarra.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio