POIO REIVINDICA O GALEGO, “O IDIOMA QUE MOLA”, NO DÍA GRANDE DA PROGRAMACIÓN DAS LETRAS GALEGAS ADICADO A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

12/01/2024

2023.

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acolleu este mércores os actos principais da programación organizada pola Concellería de Cultura, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano recorda a figura do escritor, ensaísta e activista político e expresidente da Real Academia Galega Francisco Fernández del Riego. Unha cita na que a lingua do país, como non podía ser doutro xeito, foi a gran protagonista.

VER GALERÍA

O evento foi presentado pola responsable de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez (BNG), que, xunto a representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal de Cultura, foron os encargados de facer entrega dos premios ás gañadoras, nas súas diferentes categorías, do XXXI concurso literario Xaime Illa Couto, que nesta edición contou coa participación de máis de 130 autores e autoras de diferentes idades, sumando as categorías de poesía e relato curto.

Ademais, tamén foron protagonistas dúas mulleres que, pola súa profesión e traxectoria, son voces máis que autorizadas á hora de analizar a situación do idioma galego en eidos como a comunicación, o xornalismo ou a literatura. Antes de realizar a entrega dos devanditos premios, as comunicadoras Belén López e Sara Vila ofreceron un faladoiro no que contaron as súas experiencias á hora de facer uso do galego nos seus traballos no sector da comunicación. A maiores, tamén coincidiron á hora de salientar a boa saúde da que goza a literatura e o audiovisual de Galicia, que cada vez acaparan un maior recoñecemento e premios no estado español. Á hora de pechar o acto, a concelleira de Cultura animou aos presentes a quedarse coa reflexión realizada polas dúas comunicadoras en varias ocasións durante faladoiro: “o galego é un idioma que mola” e que “cada vez hai máis xente nova interesada en escribir e expresarse nel”, coa importancia que iso supón, especialmente de cara ás novas xeracións.  

Unha vez rematada a entrega de premios, o grupo de gaitas da Escola de Música Tradicional de Poio interpretaron o Himno Galego e ofreceron unha pequena actuación no ‘hall’ do Centro Cultural de Raxó. O acto contou coa presenza de representantes dos grupos da Corporación municipal e do Consello Municipal de Deportes. Raquel Rodríguez quixo agradecer a participación de Belén López e Sara Vila na programación, así como á colaboración amosada polo tecido asociativo.

En canto ás gañadoras, lémbrase que na Categoría A, de 6 a 8 anos, Irene Rey Redondo (veciña de San Xoán e alumna do Isidora Riestra) presentou tanto o mellor poema como o mellor conto. Na categoría B (9-11 anos), as gañadoras foron Daniela López García en poesía (tamén alumna  do Isidora Riestra e veciña de San Xoán) e Carla García Vicente (natural de Combarro e alumna do Isidora Riestra). Na categoría C (12-13 anos), o poema e o conto que se levaron o primeiro premio foron os de Candela Martínez Esperón (San Salvador, IES Poio) e Aldara Casalderrey Esperón (San Xoán, IES Poio).

Na categoría D, Naiara Curra Quiñones, natural de San Xoán e alumna do IES Poio, foi a gañadora na categoría de poesía. Quedaron desertos os grupos de relato curto, así como as dúas de 16 a 17 anos. Por último, en maiores de 18 anos, a mellor poesía foi a presentada por Alicia Souto Piñeiro, de Marín, e o mellor relato curto foi o de Dolores Asenjo Gil, de Santiago de Compostela.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio