POIO RECOÑECE A FIGURA DE FERNÁNDO FERNÁNDEZ DEL RIEGO CUNHA AMPLA E VARIADA PROGRAMACIÓN POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

12/01/2024

2023.

A concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, a nacionalista Raquel Rodríguez, deu a coñecer este mércores os detalles da programación que o Concello, a través deste departamento, impulsa con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que neste 2023 recorda a figura do escritor, ensaísta e activista político Francisco Fernández del Riego. Trátase dun amplo programa, deseñado en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, que se estreará xa este venres cun espectáculo de monicreques e finalizará o propio 17 de maio, día grande da conmemoración, cun faladoiro a cargo das xornalistas Belén López e Sara Vila.

Rodríguez estivo acompañada por Xaquín Agulla, directivo da SCD, e salientou o feito de contar con propostas pensadas para todos os públicos. Todas as actividades serán con entrada libre e se desenvolverán no Centro Cultural Xaime Illa. A primeira delas chegará o venres 12 de maio, ás 17.30 horas, grazas a Fantoches Baj e o seu espectáculo de monicreques, co que recrea ‘A viaxe feliz de Ramón Sanfiz’. O sábado 13, ás 21.00 horas, chegará a compañía Avelaíña Teatro para representar ‘Almas na gloria’, dirixida por Antonio Simón e escrita por Manolo Mayán. Esta cita está organizada pola SCD Raxó.

Xa o día 17, ás 17.30 horas, chegará un dos momentos máis agardados, como é o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadores da trixésima primeira edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto, que, unha vez máis, tal e como sinalou a edil de Cultura e Normalización Lingüística, “contou cunha participación moi alta”, consolidándose deste xeito como un dos certames culturais de referencia na bisbarra de Pontevedra. Este feito tamén foi salientado por Xaquín Agulla, que puxo en valor a evolución e crecemento deste concurso. Na tarde do vindeiro 17 de maio tamén serán protagonistas as xornalistas Belén López e Sara Vila, que intervirán nun faladoiro sobre o uso da lingua galega no mundo da comunicación. Belén López  foi ponente no congreso da Real Academia Galega adicado a Xela Arias no ano 2021, cunha palestra sobre o interese da autora en conectar a súa poesía con outras artes. Ademais, tamén participou nas xornadas ‘As mulleres que opinan son perigosas’ de 2021, cun relatorio sobre o tratamento da cultura no xornalismo local. Na actualidade traballa no Diario de Pontevedra, colabora coa revista Luzes e tamén forma parte da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia.

Pola súa banda, Sara Vila traballa actualmente en Edicións Xerais e exerceu como xornalista entre 2012 e 2022 no Diario de Pontevedra. Ademais, no ano 2021 a súa novela Oito días sen Eva Cortes gañou o Premio Illa Nova de Narrativa. Previamente, Vila Alonso xa gañara o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela (2016) e acadou o segundo premio ‘Comunicar en Igualdade’ en 2019 polo seu artigo ‘O noso toque de queda’.

Raquel Rodríguez sinalou a importancia de contar “con dúas mulleres profesionais da comunicación que empregan no seu día a día a lingua galega para contar as súas historias e informar á cidadanía”. Ademais, a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística puxo en valor a relevancia e a importancia de Fernández del Riego “polo traballo realizado en favor da nosa lingua e da nosa cultura”, que o levou a dirixir a histórica revista Grial durante os seus 100 primeiros números e a ser un dos impulsores da Editorial Galaxia, xunto a Xaime Illa Couto, entre outros. Tamén presidiu a Real Academia Galega entre os anos 1997 e 2001.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio