O CONCURSO DE CARTEIS DE SAN XOÁN 2023 XA TEN GAÑADORA

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio deu a coñecer á gañadora dunha nova edición do Concurso de Carteis de San Xoán, que pasará a ser a imaxe oficial das emblemáticas festas patronais, que comezarán o vindeiro 22 de xuño. A autora do deseño elixido polo xurado é Carolina Cancela Corbacho, alumna do IES e veciña da parroquia de San Xoán. Ao igual que en edicións previas, o certame dividíase en catro categorías distintas, repartidas en función das idades dos e das participantes, que deben plasmar no papel debuxos e deseños vencellados á tradición de San Xoán.

Así, na categoría A (5-8 anos), o cartel máis valorado foi o presentado por Valeria Freire Estévez, veciña de Raxó e alumna do CEIP Chancelas. Na B (9-11 anos) a mellor obra correspondeu á de Inés Vázquez Portela, de Sameira e estudante tamén no CEIP Chancelas. Por último, no grupo C (12-13 anos) o cartel elixido foi o elaborado por Yohel Cappellino Outeda, veciño de Combarro e alumno do CEIP Espedregada. O cartel gañador do concurso correspondía á última categoría, a D, para rapaces e rapazadas de idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos.

En total, a Concellería de Festexos reparte máis de 400 euros en premios a través deste certame, que consistirán en vales para utilizar nas librarías de Poio, o que supón tamén un aliciente para dinamizar a actividade do comercio local. A maiores, os cativos e cativas gañadores tamén se levarán un agasallo a modo de obsequio conmemorativo. Como xa é tradición, a entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 22 de xuño, coincidindo co inicio das festas patronais. O edil responsable do departamento, Xosé Luís Martínez, destaca que “unha vez máis contamos cun nivel de participación moi alto, xa que foron aproximadamente uns 200 rapaces e rapazas os que presentaron deseños”. Outro feito que salientan os membros do xurado é que non quedou ningunha categoría deserta, así como a gran calidade e orixinalidade de todos os traballos presentados.

O Concello agradece a implicación da rapazada e da comunidade educativa do municipio á hora de participar nun concurso que xa é unha cita clásica das Festas de San Xoán.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio