O PROXECTO DE ECONOMIA CIRCULAR CHEGA AO SEU FIN CUNHA XORNADA DE RECUPERACIÓN DE MARISQUEO EN COMBARRO

12/01/2024

2023.

Logo de varios meses de traballo, chega o momento de que o alumnado de Poio amose os resultados da súa implicación no respecto polo medio ambiente. O programa Ecoloxía Circular, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración cos centros de ensino do municipio, finalizará neste mes de maio con varias iniciativas nas que os nenos e nenas serán as grandes protagonistas. Cómpre lembrar que esta iniciativa, impartida pola Asociación E.mai, ten coma obxectivo conseguir que a rapazada se familiarice cos beneficios do uso de recursos naturais e de biodiversidade, como son os microorganismos rexeneradores do hábitat no que se establecen.

Logo de que ao longo do curso o proxecto se dividise en dúas fases, nas que se impartiron sesións de coñecemento dos microorganismos e tamén clases prácticas, agora o colofón a este traballo será o vindeiro 20 de maio, a partires das 11.00 horas. Será entón cando o alumnado protagonice unha xornada de recuperación para o marisqueo no coñecido como ‘terreo da Curita’, en Chousa (Combarro). Alí, os nenos e nenas depositarán bolas de lodo extraídas desta zona e que foron fermentadas ao aire libre con microorganismos rexeneradores do monte. Ademais, a Ecoloxía Circular tamén busca unha concienciación que vai máis alá das crianzas, que, tal e como lembra Raquel Rodríguez, “as nenas e nenos son grandes difusores de coñecementos en contextos familiares e sociais”. É por iso polo que, ademais desta iniciativa, o vindeiro xoves a sede da Confraría de Raxó acollerá unha visita do alumnado, no que explicará ao sector marisqueiro os beneficios do uso destes microorganismos rexeneradores. A maiores, tamén haberá unha segunda exposición no CEIP Isidora Riestra, na parroquia de San Xoán, o venres 12, ás 12.00 horas.

Logo das primeiras actividades levadas a cabo no primeiro trimestre do curso, que se centraron na iniciación en cuestións como a identificación e o uso doméstico de microorganismos rexeneradores, xa en 2023 a Ecoloxía Circular tratou cuestións máis prácticas como o estudo de problemas medioambientais existentes en Poio e na contorna. A partires de aí, os nenos e nenas familiarizáronse con pautas e ferramentas para valorar de que xeito estes microorganismos rexeneradores poden supoñer unha solución aos problemas medioambientais identificados.

Deste xeito, o alumnado pode familiarizarse cos microorganismos rexeneradores autóctonos, que son aqueles que se atopan nos bosques e que non están modificados pola actividade humana. Propostas deste tipo axudan a  fomentar, coidar e preservar a contorna, ao tempo que se dá cumprimento das pautas establecidas na Axenda 2030. A edil de Educación expresa o seu agradecemento á comunidade escolar, ás mariscadoras e ás confrarías pola súa implicación nesta primeira edición da Ecoloxía Circular.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio