FINALIZAN OS TRABALLOS PARA A DOTACIÓN DE ‘BYPASS’ NA REDE DE ABASTECEMENTO EN BOA VISTA.

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio informa do remate dos traballos para a instalacións dunha canle ou ‘bypass’ entre as canalizacións que proporcionan abastecemento de auga no lugar de Boavista, na parroquia de San Salvador. En concreto, o que se levou a cabo foi a dotación dunha conexión entre as rúas Illa de Tambo e Illa de Ons, co obxectivo de minimizar ao máximo o número de vivendas que se poidan ver afectadas por avarías no servizo, no caso de que se produzan. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, revisou o estado da actuación unha vez rematada.

Nas últimas semanas procedeuse á colocación de 200 metros de tubaxe de polietileno, ademais da instalación dunha chave para permitir o paso da auga. Desta maneira, se se produce un corte na zona de Illa de Tambo, esta incidencia deixará de afectar a inmobles e vivendas emprazadas en Illa de Ons e zonas máis baixas da Caeira, tal e como viña acontecendo ata o de agora. Os traballos consistiron na apertura dunha zanxa entre ambas rúas, nun espazo próximo ás pistas polideportivas. Unha vez instalado o ‘bypass’, tarefa que foi levada a cabo por técnicos de Viaqua, procedeuse ao soterramento e posta a punto da superficie.

Gregorio Agís incide en que está é unha solución que se aplica de xeito temporal, para evitar que as roturas que se producen na zona, e que se deben á antigüidade das canalizacións, afecten ao menor número de veciños e veciñas posible. “Está contemplada a substitución e renovación integral do servizo en toda A Caeira no vindeiro contrato da auga que se está a tramitar”, lembrou. Cómpre lembrar que, a maiores, o Concello de Poio, a través da Concellería de Obras e Servizos, tamén leva a cabo inspeccións periódicas da rede de abastecemento en todo termo municipal, de xeito que se poida actuar o máis rápido posible á hora de detectar e arranxar posibles avarías. Segundo consta en informes elaborados por Viaqua, actualmente o rendemento do servizo rolda o 80% aproximadamente, cun nivel de perdas inferior ao 20%, a metade da media estimada pola Xunta de Galicia a nivel autonómico.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio