URBANISMO TRAMITA FONDOS PARA A RECUPERACIÓN DO NÚCLEO DE VIÑAS E LAXES, EN SAN SALVADOR

12/01/2024

2023.

A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, vén de tramitar unha solicitude para obter fondos do Programa PON 2030, impulsado pola Deputación de Pontevedra. En concreto, o Concello proxecta utilizar esta axuda para promover unha actuación de recuperación de espazos públicos e da mellora da mobilidade peonil na contorna do núcleo de Viñas e As Laxes, pertencente á parroquia de San Salvador. Tal e como explica o propio Gregorio Agís, o proxecto está valorado en 1,1 millóns de euros. O 80% desta contía (algo máis de 935.000 euros) financiarase a través deste plan da máxima institución provincial, que está destinado a concellos de menos de 50.000 habitantes. O 20% restante (233.000 euros) serán asumidos pola propia Administración local.

Tal e como consta na memoria técnica, os traballos centraríanse nas rúas Travesía Porteliña, Rúa Viñas, Camiño Poio de Arriba, Camiño Laxes e Praza de Laxes. Neste ámbito se implantaría unha plataforma única, de prioridade peonil, que suporía un reforzo da seguridade e a mellora da mobilidade e accesibilidade, especialmente nas proximidades do CEIP Viñas. Tamén se levará a cabo a comprobación do estado das redes de canalización de abastecemento e saneamento, substituíndo aquelas que se atopen en mal estado e instalando as de pluviais para conseguir unha rede separativa. A maiores, inclúense as escavacións necesarias para o futuro soterramento do subministro eléctrico.

Este programa deseñado pola Deputación de Pontevedra ten coma obxectivo facilitar o cumprimento das metas que marca a Axenda 2030 e, no caso da zona de Viñas, permitirá dar continuidade a outras actuacións similares xa en execución en diferentes núcleos do municipio. É o caso da rehabilitación que está a piques de concluír na contorna da Puntada, Saíñas e Portosanto, que tamén contou cun orzamento superior ao millón de euros e que foi financiado con fondos provinciais, con protagonismo, neste caso, para o programa ReacPon. A día de hoxe, asemade, seguen a avanzar as obras que se están a levar a cabo nas proximidades de Porteliña e Rúa Adro, onde se están a renovar os servizos básicos e a reforzar a seguridade viaria e peonil.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio