SILVIA DÍAZ SALIENTA O AVANCE NA MELLORA DA IMPERMEABILIZACIÓN DO CENTRO CULTURAL XAIME ILLA DE RAXÓ

12/01/2024

2023.

A tenente de alcalde e responsable da área de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio), salienta o o bo ritmo ao que están a realizarse as obras contratadas polo Concello de Poio para mellorar e garantir a impermeabilización de paramentos verticais e horizontais no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó. A concelleira do Goberno local pasou revista á actuación este mércores, uns días despois de que a empresa adxudicataria, Modo Caste Sociedad Limitada, dera comezo ás tarefas. Cómpre lembrar que o orzamento destinado a este proxecto ascende a uns 45.000 euros aproximadamente, IVE engadido.

Díaz, que estivo acompañada nesta visita polos responsables da obra, salienta que desde que comezaron os traballos “a mellora do aspecto das instalacións é moi evidente” e, tendo en conta o ritmo ao que avanza a actuación, non descarta que se superen os prazos previstos inicialmente para a finalización da obra, fixada en dous meses. “Se non se producen imprevistos cremos que o Centro Cultural estará totalmente listo en poucas semanas”, sinalou. A tenente de alcalde recorda a necesidade de levar a cabo esta actuación para poñer fin ás filtracións de auga e á condensación de humidade que se viñan rexistrando no interior das dependencias nas épocas de chuvias máis abundantes.

Para solucionar este problema, estase a actuar en toda a cuberta plana transitable, así como na fachada e nas carpinterías exteriores. Ademais das tarefas de limpeza, nos últimos días estase a aplicar por parte dos operarios un selado de xuntas co aplacado de pedra natural, mediante o uso dun morteiro flexible. A isto súmanselle as reparacións de fisuras e unha aplicación de revestimento elástico, a base de resina acrílica, para evitar que se reproduzan no futuro. Tamén se procede á limpeza e pintado nas zonas nas que sexa preciso.

Outro feito a salientar por parte da edil de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal é o feito de que estes traballos estanse compaxinando coa actividade habitual que acolle o Xaime Illa. As iniciativas e cursos que desenvolve o tecido asociativo da parroquia continúan levándose a cabo. Silvia Díaz agradece a comprensión dos usuarios e usuarias e lembra que esta actuación é un paso máis dentro das levadas a cabo desde este departamento para mellorar a Rede de Espazos Municipais (REM) de Poio, que permitiu tamén levar a cabo importantes reformas noutros locais como o de Tarrío, en Samieira, no Sartal, na parroquia de San Xoán e a mellora da acústica e dotación de equipamento do Local Sociocultural de Campelo que se está a proxectar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio