AGÍS AVANZA CON COSTAS A TRAMITACIÓN DAS NOVAS SENDAS COAS QUE SE VERTEBRARÁ A FACHADA LITORAL DE POIO

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), mantivo esta semana unha reunión con técnicos da Dirección Provincial de Costas, para analizar o proxecto para a habilitación de máis de 8.000 metros de sendas costeiras, a través da fachada litoral do municipio, que servirá para vertebrar e conectar varios dos núcleos costeiros de relevancia no concello, así como para establecer unha nova conexión a pé coa cidade de Pontevedra.

Precisamente, Agís analizou cos técnicos os detalles da actuación centrada entre a capital de provincia e A Puntada, na parroquia de San Salvador. O edil do Goberno local poiense sinala que a tramitación deste proxecto avanza a bo ritmo. “Son xestións complexas, pero que a base de traballo imos facer chegalas a bo porto”, sinalou. Cómpre lembrar que, no caso desta senda, chegaría desde o núcleo da Puntada ata Lourido para, a continuación, estenderse ata a Ponte das Correntes, cunha extensión total de 3.500 metros aproximadamente.

Son cinco as áreas do litoral que a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo está en trámites de recuperar. Ademais da xa mencionada entre San Salvador e Pontevedra, contémplase tamén unha senda entre A Seca e Combarro (ata a praia de Padrón), de máis de 1.000 metros de lonxitude e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo. Ademais, neste caso, Agís incidiu en que “con esta actuación achegamos a Combarro un equipamento e zona de estacionamento próximo como é A Seca, ao dar vida a unha nova conexión”. No proxecto  inclúese, asemade, un paseo litoral desde o lugar de Covelo, en Samieira, ata a Chancelas, de 1.586 metros, e unha zona de paso, a maiores, en Raxó, que una a praia de Sinás coa PO-308 (270 metros). Por último, está proxectada tamén unha actuación na senda circular que rodea a Illa de Tambo, de máis de 2.000 metros de lonxitude.

O investimento total para impulsar estes espazos roldaría os 2,5 millóns euros aproximadamente e financiaranse con fondos europeos. Gregorio Agís sinala que “imos dando pasos para tramitar a posta a punto destes espazos por separado, que, unha vez sexan unha realidade, practicamente garantirán o tránsito a pé de forma segura, a través de espazos naturais e costeiros de gran riqueza paisaxística e medioambiental, desde Pontevedra ata Samieira”. O edil socialista incidiu na importancia que supón “conseguir vertebrar practicamente o 100% do noso litoral, promovendo unha fórmula de mobilidade sostible, sen uso de vehículos e sen emisión de gases, que é un dos piares do noso Plan de Mobilidade Urbano”. A todo isto hai que sumar tamén o “enorme atractivo turístico e como reclamo para visitantes durante todo o ano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio