URBANISMO PROXECTA TRES NOVAS ACTUACIÓNS PARA A RENOVACIÓN DE SERVIZOS E POSTA EN VALOR DE NÚCLEOS EN SAMIEIRA E SAN SALVADOR

12/01/2024

2023.

A Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), continúa dando pasos para reforzar a filosofía que desde o Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS) se impulsa co obxectivo de consolidar a Poio como un concello amable co medio ambiente, seguro e con mobilidade e accesibilidade para toda a cidadanía. Nesta liña, o departamento municipal proxecta tres novas actuacións para dar continuidade a outras obras similares xa rematadas ou en marcha, como as executadas nos núcleos da Seara (San Xoán), Caneliñas (Raxó), Adro – Porteliña ou A Puntada, Portosanto e A Seara (San Salvador).

Estes proxectos abarcarán unha superficie superior aos 6.500 metros cadrados en diferentes zonas do termo municipal. En concreto, Agís explica que se prevé actuar nas inmediacións do CEIP Viñas (San Salvador), e nos lugares de As Laxes, Tarrío e Arén (parroquia de Samieira). A Concellería de Urbanismo e Promoción Económica solicitará fondos provinciais para a redacción dos devanditos proxectos. “Son obras que están valoradas en total en máis dun millón de euros e que, sen dúbida, suporán unha transformación e unha mellora evidente na calidade de vida da veciñanza”, apunta Agís Gómez.

Tal e como consta na documentación elaborada polos técnicos municipais, apostarase pola dotación de plataforma única, fomentando a mobilidade peonil e dándolle prioridade sobre o tráfico rodado. As actuacións basearanse, asemade, no respecto polos activos paisaxísticos, culturais e patrimoniais, acorde cos valores dos habitantes do municipio. Esas actuacións integrais buscan “garantir a toda a cidadanía o dereito á accesibilidade ao espazo público”, ao tempo que se recupera o valor patrimonial neste tipo de núcleos, contribuíndo “á redución da pegada de carbono”. Gregorio Agís entende que estas actuacións son necesarias, habida conta de que tamén contemplan, ademais da instalación da plataforma única, a renovación de servizos básicos como saneamento e abastecemento, a maiores da instalación de mobiliario urbano e alumeado eficiente. “Son zonas nas que actualmente o pavimento se atopa moi deteriorado e tamén se fai necesaria a renovación de servizos, polo que aproveitaremos a liña de axudas da Deputación de Pontevedra para dar continuidade ás actuacións xa realizadas”, conclúe o edil do PSdeG-PSOE.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio