COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA INTEGRAL DO PARQUE INFANTIL DE ROSALÍA DE CASTRO

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), vén de supervisar, acompañado pola nacionalista Marga Caldas, o inicio dos traballos de mellora do parque infantil de Rosalía de Castro, situado nas proximidades de Ferreirós, na parroquia de San Salvador. Tal e como explica o titular do departamento, esta é unha actuación que incluirá a dotación dunha cuberta, de xeito que esta zona de esparcemento poida ser utilizada tamén cando as condicións meteorolóxicas non acompañen, en caso de choiva e tamén garantindo sombra en períodos soleados e con altas temperaturas.

Martínez Blanco sinala que as obras finánciase con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra correspondente á convocatoria de 2022. O proxecto foi adxudicado á empresa ASAI Ingeniería, cunha contía total que rolda os 178.000 euros, IVE engadido. A actuación non se limitará exclusivamente á dotación da cuberta, senón que tamén se contemplan outras melloras adicionais, como a renovación da superficie e a dotación de novos elementos de xogo, completando deste xeito a modernización da infraestrutura.

O concelleiro de Medio Ambiente destaca a importancia que ten para o Concello a realización deste tipo de proxectos, que garantan a dotación de espazos ao aire e áreas de esparcemento nos que se poidan realizar hábitos saudables, “especialmente cando falamos das nosas crianzas”, apunta. Neste sentido, Xosé Luís Martínez destaca a importancia de facer este investimento no parque de Rosalía de Castro, toda vez que “estamos a falar dun punto de encontro para un gran número de rapaces e rapazas, que se sitúa nunha das zonas máis céntricas da parroquia de San Salvador, que conta na actualidade con máis de 7.500 habitantes”. O responsable do departamento municipal aposta por continuar nesta liña de traballo, que tamén está a levar ao Concello á dotación doutros espazos similares, dentro da campaña Poio en Verde, organizada a través da área de Medio Ambiente, en colaboración con Deportes, Cultura, Educación e Seguridade Viaria. O prazo de execución deste proxecto é de cinco meses, polo que se agarda que estea lista durante o verán.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio