A PROGRAMACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO INCLUIRÁ CONTACONTOS E LECTURA PÚBLICA DA SÚA OBRA BAIXO O LEMA ‘ROSALÍA SACA A LINGUA’

12/01/2024

2023.

Unha lectura de poemas e dun manifesto, sesións de contacontos para as crianzas e a campaña #FalaBonito son algunhas das iniciativas que este ano o Concello de Poio impulsa para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro xoves 23 de febreiro. Unha programación que nesta edición leva como eslogan ‘Rosalía saca a lingua’. A concelleira de Dinamización Lingüística, Raquel Rodríguez (BNG), acompañada pola tamén nacionalista Marga Caldas e a responsable da Biblioteca Municipal, Macarena Ferreiro, deu a coñecer as iniciativas a desenvolver ao longo desta semana, que se suma á campaña #FalaBonito, xa posta en marcha nos centros educativos de Poio co obxectivo de incidir na promoción e fomento da utilización da lingua galega entre o alumnado.

O xoves, ás 12.00 horas, a Casa Consistorial acollerá unha lectura pública de poemas da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos. Ademais, a propia edil de Dinamización Lingüística tamén se encargará de dar lectura ao manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar esta data tan emblemática. Este ano, o texto foi redactado por Carme Adán. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, a Biblioteca de Campelo acollerá o contacontos Da miña terra, dirixido a cativas e cativos de idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos. Por último, o venres haberá unha segunda sesión de contacontos, con A mellor sopa do mundo, para crianzas menores de seis anos. En chave educativa, Raquel Rodríguez tamén anima ao tecido escolar a que celebre o Día de Rosalía promovendo a lectura das súas obras. “Para nós é unha prioridade que as novas e futuras xeracións coñezan e teñan constancia da importancia e do legado que nos deixou Rosalía de Castro a través da súa obra”, resalta a edil do Goberno municipal, que lembra que a escritora de Padrón  sen dúbida é unha das autoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos”. Rosalía de Castro foi a primeira autora en publicar unha obra integramente escrita en lingua galega, que foi Cantares Gallegos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio