Comezan as obras para converter a antiga gardería de Campelo no Centro de Maiores de Poio

13/11/2026

O proxecto conta cun investimento que supera o millón de euros, cun prazo de execución de sete meses. A actuación contempla tres espazos diferenciados: un centro de día, unha zona de convivencia aberta á veciñanza e un amplo espacio exterior.

O Concello de Poio iniciou as obras que permitirán transformar a antiga gardería de Campelo no futuro Centro de Maiores, con instalacións modernas, accesibles e adaptadas.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, supervisou o inicio dos traballos e destacou a importancia dunha intervención que converterá o novo centro nun lugar de referencia para prestar unha atención integral e mellorar o día a día das persoas usuarias.

O proxecto contempla tres grandes espazos diferenciados: un centro de día; unha zona de convivencia, aberta tamén a persoas que queiran achegarse para ler o xornal, compartir tempo ou relacionarse coas persoas usuarias; e un amplo espazo exterior especialmente pensado para as persoas maiores.

A actuación inclúe tamén unha sala multiusos como punto de encontro interxeracional e reserva unha ampla zona verde de esparcemento con áreas de xogo e de lecer, na que haberá un campo de petanca, o tradicional xogo da rá, mesas de xadrez e parchís e equipamentos biosaudables.

A actuación conta cun investimento de máis de un millón de euros, financiado conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. A empresa local Edigroup Global executa as obras tras resultar adxudicataria da licitación, que estableceu un prazo de sete meses para rematalas. Moldes sinalou que, polo de agora, se está a cumprir o calendario anunciado á veciñanza, que prevía que as máquinas estivesen traballando en Campelo antes de finalizar o ano.

O próximo Centro de Maiores de Poio contará cunha situación privilexiada, próximo ao Centro de Saúde e entre dúas das parroquias máis poboadas de Poio, pero tamén nunha contorna que reúne as condicións idóneas para prestar a mellor atención ás persoas. Permitirá ofrecer atención profesional sen que os usuarios teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo o envellecemento no propio municipio e reforzando o apoio ás familias coidadoras. O centro ofrecerá, entre outros, programas de estimulación cognitiva, rehabilitación funcional, comedor adaptado, transporte e acompañamento.

Estes servizos contribuirán a mellorar de maneira directa o benestar das persoas usuarias e das súas familias, reducir os ingresos hospitalarios e reforzar a coordinación entre a atención social e sanitaria.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio