As doazóns poderán entregarse ata o 27 de novembro, de luns a venres, no Pazo Besada pola mañá e na Casa Rosada pola tarde. Os xoguetes deben estar limpos, en bo estado e con todas as pezas.
O Concello de Poio pon en marcha este martes, 17 de novembro, a campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete”, co obxectivo de que todos os nenos e nenas do municipio poidan gozar da ilusión do Nadal. A recollida estará aberta ata o 27 de novembro. As persoas que queiran colaborar poderán entregar as súas doazóns de luns a venres no Pazo Besada, en horario de mañá, e na Casa Rosada, en horario de tarde.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, salienta que esta iniciativa é “un exemplo do compromiso e da sensibilidade social que caracterizan á veciñanza de Poio”, ao tempo que fai un chamamento á participación cidadá para facer felices a todos os nenos que viven en fogares cunhas necesidades especiais. “Sabemos que cada Nadal, Poio demostra que é un concello solidario e comprometido. Esta campaña é unha oportunidade para seguir colaborando, compartindo e facendo felices a moitos nenos e nenas que, grazas a estas doazóns, poderán vivir un Nadal máis especial”. A concelleira agradece tamén a colaboración desinteresada de Silvia Ramírez, veciña de Samieira, que un ano máis apoiará a campaña municipal.
Recolleranse, entre outros artigos, xogos de mesa, bonecos, peluches, crebacabezas, xogos de construción, libros, disfraces e material deportivo como bicicletas, patíns ou pelotas. Todos os artigos deberán estar limpos, en bo estado e con todas as pezas.
Unha vez rematada a recollida, o persoal de Servizos Sociais do Concello de Poio encargarase de repartir os xoguetes antes do Nadal.
