A concelleira Natividad Torres presidiu o Consello local da Muller para avanzar na programación do 25N coas representantes dos colectivos que forman parte deste órgano municipal, ao que se acaba de incorporar a asociación Mulleres Rurais Pedra Furada de Samieira.
O Concello de Poio ultima a programación para conmemorar o Día internacional contra as violencias machistas, cunha proposta de actividades e accións que se desenvolverán ao longo de todo o mes de novembro.
Unha das actividades será o obradoiro de Autoprotección e Defensa Persoal para Mulleres, que terá lugar os días 21 e 28 de novembro no ximnasio municipal e para o que as inscricións se abren a partir deste luns, día 26, a través do enderezo electrónico igualdade@concellopoio.org. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer ás participantes ferramentas útiles para unha autodefensa efectiva, así como técnicas de autocontrol que lles permitan gañar confianza e afrontar situacións de estrés ou agresión.
O curso abordará aspectos como a mobilización e control do agresor, as estratexias para saír dunha zona de perigo ou o manexo emocional ante situacións de risco.
Dentro da programación do 25N, o Concello de Poio volverá levar unha parte da súa acción de sensibilización aos centros educativos do municipio, co propósito de fomentar a igualdade e traballar na prevención das violencias machistas desde idades temperás.
Ademais, repetirase unha das actividades que xa forman parte desta conmemoración, a Andaina Violeta, que terá lugar o domingo 22 de novembro, con saída ás 10.00 horas desde o parque Costa Xiráldez, en Lourido. As inscricións tamén poden realizarse a través do correo electrónico igualdade@concellopoio.org e as primeiras 300 persoas anotadas recibirán unha camiseta de agasallo.
Tamén dentro da programación do 25N crearase o grupo de reflexión e debate “Amor de Medo”, unha actividade interxeracional que convidará a reflexionar sobre os mitos e as crenzas que rodean as relacións afectivas e permiten perpetuar estereotipos, desigualdades e dinámicas pouco saudables.
Estas iniciativas foron presentadas e analizadas durante a última reunión do Consello Municipal da Muller, celebrada na Casa do Concello baixo a presidencia da concelleira Natividad Torres. No encontro avanzouse nos preparativos da campaña do 25N e nas diferentes accións de sensibilización previstas para novembro. A programación completa darase a coñecer nos vindeiros días.
INCORPORACIÓN DUNHA NOVA ASOCIACIÓN AO CONSELLO DA MULLER
Durante a reunión tamén se informou da incorporación ao Consello Municipal da Muller da asociación Mulleres Rurais Pedra Furada, constituída recentemente en Samieira, cuxas representantes pasan a formar parte deste órgano de participación municipal.
Coa súa incorporación, o Consello da Muller de Poio conta xa con once entidades, entre as que se atopan as asociacións veciñais de Lourido, Campelo, O Vao e Raxó, así como as asociacións de mulleres Arela, Progresistas, Airiños do Mar, Mulleres do Mar, Santa Trahamunda, Mulleres en Igualdade e Mulleres Rurais Pedra Furada de Samieira.