O Concello de Poio está a ultimar os traballos de acondicionamento e posta a punto do cemiterio municipal de San Xoán con motivo da próxima celebración do Día de Todos os Santos, unha data na que se prevé unha maior afluencia de persoas que se achegan aos cemiterios para lembrar e render homenaxe aos seus familiares e seres queridos falecidos.
O alcalde, Ángel Moldes, reuniuse coa persoa responsable do cemiterio municipal para coordinar as actuacións necesarias de cara a esta celebración. Aínda que os labores de mantemento destas instalacións se realizan ao longo de todo o ano, durante os días previos ao 1 de novembro refórzanse especialmente as tarefas de limpeza e acondicionamento, con especial atención ás zonas verdes e aos accesos.
No caso dos cemiterios xestionados polas comisións parroquiais, o Concello tamén levará a cabo nos próximos días traballos de limpeza e acondicionamento dos accesos e das zonas de aparcamento.
Ademais, con motivo do incremento de visitantes previsto durante estas datas, reforzarase a dotación de contedores de lixo en todos os cemiterios, así como o servizo de baleirado das papeleiras, co obxectivo de manter estes espazos nas mellores condicións.