O Samaín de Campelo toma forma para ofrecer a veciños e visitantes unha experiencia terrorífica única

15/10/2026

O Concello de Poio e a veciñanza consensuaron a programación para os días 30 e 31 de outubro, con actividades para toda a familia que inclúen festa infantil, Furna das Meigas, espectáculo de malabares e lume, Ruta do Medo, cinema, merendola e Truco ou Trato.

O Samaín de Campelo 2026 xa ten a súa programación definida. O Concello de Poio e a veciñanza pecharon onte os últimos detalles dunha celebración que se desenvolverá o 30 e 31 de outubro e que converterá as rúas da localidade e a Praza da Granxa nun escenario de medo, con multitude de actividades e espectáculos pensados para que pequenos e maiores gocen dunha experiencia terrorífica única.

O programa consensuouse nunha reunión de traballo na que se incorporaron propostas e modificacións trasladadas polos veciños e veciñas das vivendas que participan na ambientación e decoración das rúas. No encontro participaron tamén o alcalde, Ángel Moldes; a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís; e representantes dos colectivos locais implicados nunha celebración que será das máis participativas dos últimos anos.

Como xa se adiantou, o venres 30 de outubro Campelo comezará a respirar un ambiente de auténtico terror cunha festa infantil na carpa instalada na Praza da Granxa a partir das 17.00 horas, que contará coa animación musical de Dolce Vita e o escenario terrorífico da Furna das Meigas.

A programación continuará co espectáculo de malabares e lume a cargo de Nemeton Performances, a partir das 20.00 horas, que servirá de antesala á esperada Ruta do Medo polas rúas de Campelo, cos decorados, escenarios, creatividades e representacións preparadas pola veciñanza. Participarán tamén integrantes das comparsas As Sonecas e 100Tolos, do Grupo de Samieira e das ximnastas do Club Saraiba. A xornada rematará cun magosto popular organizado pola Asociación de Veciños de Campelo, acompañado da animación musical dun DJ.

Xa o sábado 31, e recollendo unha das propostas da veciñanza, o Local Social acollerá o Cinema de Medo, unha sesión para toda a familia que comezará ás 17.00 horas. Ao rematar, organizarase a Merendola Larpeira para que a cativada colla forzas antes de percorrer as rúas de Campelo co tradicional Truco ou Trato!

O Concello de Poio asumiu este ano a organización do Samaín de Campelo para garantir a continuidade dunha celebración que se converteu nunha cita destacada do calendario festivo local, despois de que a asociación que viña impulsando o evento nos últimos anos renunciase a continuar á fronte da súa organización.

Desde o primeiro momento, o Goberno local apostou por manter a esencia participativa e veciñal desta festa, contando coa implicación dos residentes e dos colectivos da localidade tanto na preparación das actividades como na ambientación das rúas.

Neste sentido, o alcalde e a concelleira destacaron durante a reunión que a prioridade do Concello é que Campelo siga gozando do seu Samaín, preservando o espírito dunha iniciativa que naceu da propia veciñanza e que foi medrando e consolidándose ano tras ano grazas á súa implicación. Unha colaboración que permitirá que, un ano máis, Campelo se transforme nun lugar de medo, diversión e convivencia para veciños e visitantes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio