Poio conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais coa lectura dun manifesto diante da Casa do Concello

15/10/2026

O Concello de Poio conmemorou este mediodía o Día Internacional das Mulleres Rurais cun acto celebrado diante da Casa do Concello, no que María Castro, integrante da Asociación de Mulleres Rurais de Samieira, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional.

O Concello sumouse así á declaración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa que se busca recoñecer e visibilizar o papel fundamental das mulleres rurais no desenvolvemento económico, social e cultural dos municipios, así como reivindicar a igualdade de oportunidades e o acceso aos servizos públicos.

Durante a lectura púxose en valor a contribución das mulleres que, xeración tras xeración, traballaron no campo, no mar, no comercio e nos coidados, contribuíndo ao progreso das parroquias e ao mantemento da vida no rural.

Con este acto, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa igualdade e co recoñecemento do traballo das mulleres rurais, fundamentais para o presente e o futuro do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio