Literatura, xogos, intercambio de libros e moito máis na programación da Biblioteca de Poio para o último trimestre

02/10/2026

A concelleira Natalia Sabarís sinala que “queremos que a biblioteca sexa un lugar de encontro, aprendizaxe e participación”.

A Biblioteca Municipal presenta a súa programación de actividades para os meses de outubro, novembro e decembro, cunha proposta dirixida a públicos de diferentes idades que combina o fomento da lectura con actividades lúdicas, divulgativas e de sensibilización.

A programación inclúe a celebración do Día Internacional das Escritoras e do Día das Bibliotecas, iniciativas arredor da ciencia en galego, actividades con motivo do 25 de novembro e diferentes propostas para achegarse ao Nadal desde a biblioteca.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, convida a grandes e pequenos a sumarse a unha programación que pon o foco na lectura como ferramenta para xogar, descubrir, compartir e reflexionar: “queremos que a biblioteca sexa un lugar de encontro, aprendizaxe e participación”.

O luns 19 de outubro, a Biblioteca Municipal sumarase á celebración do Día Internacional das Escritoras instalando un centro de interese bibliográfico dedicado ás escritoras, dando a coñecer o seu legado e amosándoas como grandes referentes da literatura para as xeracións máis novas.

Ademais, desenvolverase a actividade “Photocall: A miña escritora favorita é…”, unha proposta que combina a participación presencial coa interacción dixital e que anima o público a compartir o seu amor pola literatura. A partir da simulación da cuberta dun libro, as persoas participantes poderán fotografarse utilizando diferentes elementos, como bocadillos de banda deseñada ou lentes, e sostendo un exemplar da obra da súa escritora favorita. A actividade está dirixida a todos os públicos, é gratuíta e non require inscrición previa.

Por outra banda, o xoves 22 de outubro, ás 18.00 horas, celebrarase de maneira anticipada o Día das Bibliotecas. Para conmemorar esta data desenvolverase o breakout “O concerto perdido”, un xogo educativo no que as persoas participantes deberán resolver diferentes pistas e enigmas ata conseguir abrir unha caixa e completar o reto. A actividade estará a cargo da bibliotecaria municipal e está destinada a crianzas a partir de 6 anos. A participación é gratuíta e non require inscrición previa.

Durante novembro, a Biblioteca Municipal sumarase ao Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, cunha actividade especialmente pensada para achegar a ciencia ás crianzas dun xeito divertido. O venres 6 de novembro, ás 18.00 horas, terá lugar “Quen procura, acha”, un xogo de pistas que se desenvolverá nos andeis de non ficción da biblioteca. As persoas participantes atoparán tarxetas con preguntas científicas sinxelas en galego e deberán buscar as respostas nos libros indicados nos propios andeis. Deste xeito, a actividade permitirá descubrir diferentes curiosidades científicas ao tempo que as crianzas aprenden a localizar información e familiarizarse cos fondos da biblioteca. A proposta está dirixida a crianzas a partir de 6 anos, é gratuíta e non require inscrición previa.

Así mesmo, o 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Biblioteca Municipal sumarase á conmemoración desta xornada de sensibilización e reivindicación fronte á violencia contra as mulleres. Con este motivo, instalarase na biblioteca un centro de interese bibliográfico cunha selección de obras relacionadas coa igualdade, a prevención da violencia de xénero e a sensibilización social.

A programación de decembro comezará co Mercado Literario, unha iniciativa que permitirá ao usuariado intercambiar libros e darlles unha nova vida aos exemplares que xa teñen na casa.

Entre o 1 e o 11 de decembro, as persoas interesadas poderán entregar na biblioteca libros en bo estado, cun máximo de tres exemplares por persoa. A cambio, recibirán vales que poderán utilizar entre o 14 e o 30 de decembro para escoller outros libros entre os depositados no Mercado Literario. Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos, coa que a biblioteca pretende fomentar o intercambio, a lectura e a reutilización dos libros.

Finalmente, o martes 1 de decembro, a partir das 16.30 horas, a Biblioteca Municipal convida aos usuarios a participar na colocación e decoración da árbore de Nadal. A xornada completarase cun pequeno obradoiro de adornos de Nadal, co que se pretende dar a benvida ás festas e facer partícipe a comunidade usuaria da decoración da biblioteca.

A maiores desta programación, tamén continúa o Reto Lector 2026, unha iniciativa que se desenvolve durante todo o ano e que está destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes. O reto dos adultos inclúe como proposta de lectura para o mes de outubro “Animalarios”; para novembro, literatura gótica e conclúe en decembro con “segundas oportunidades”. No caso do Reto Infantil, outubro dedicarase a contos de animais; novembro a historias de imaxinación ou misterio; e decembro a lecturas relacionadas co Nadal.

O Concello de Poio mellorou este verán as instalacións da Biblioteca Municipal, uns traballos que permitiron rehabilitar as instalacións e renovar o seu equipamento para ofrecer un espazo máis cómodo, moderno e funcional para as persoas usuarias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio