A actuación incluíu máis de 100 reparacións, a renovación de postes e soportes e a corrección e ampliación da sinalización de rúas e prazas de todas as parroquias. A substitución destas placas enmárcase dentro do plan de mantemento e mellora continua que o Concello de Poio está a desenvolver en todo o municipio.
O Concello de Poio avanza na renovación das placas identificativas das rúas e prazas de todo o municipio, cun total de 719 sinais instalados nas cinco parroquias. A actuación, que continúa con traballos de reparación e mantemento nos puntos nos que se detectan novas necesidades, permite mellorar tanto a imaxe e o coidado dos espazos públicos como a orientación e identificación das diferentes vías.
Os traballos comezaron no mes de marzo na parroquia de San Salvador, onde inicialmente se detectara un maior deterioro da sinalética, con numerosas placas desgastadas polo paso do tempo e, nalgúns casos, practicamente ilexibles. Posteriormente, a actuación estendeuse progresivamente ao resto das parroquias e intensificouse especialmente durante os meses de xuño, xullo e agosto.
A intervención non se limitou á substitución dos elementos danados. O proxecto incluíu a xestión, organización, preparación, reparación e colocación da sinalización, ademais dunha revisión das denominacións existentes. Este traballo permitiu corrixir nomes que figuraban de maneira errónea e incorporar sinalización en rúas que ata o momento carecían dela.
Outro dos obxectivos foi avanzar cara a un modelo común que permita homoxeneizar a sinalización en todo o termo municipal, mellorando a identificación das vías e facilitando a orientación tanto da propia veciñanza como das persoas que visitan Poio.
En total, instaláronse 719 sinais, das que 503 foron colocadas sobre poste, 129 en parede e 87 en pedra, adaptando a instalación ás características de cada localización. Por parroquias, 264 corresponden a San Xoán, 182 a San Salvador, 114 a Combarro, 100 a Samieira e 59 a Raxó.
MÁIS DE CEN REPARACIÓNS
Xunto coa instalación das placas, o Concello acometeu máis de 100 actuacións de reparación e mantemento dos elementos existentes. Entre os traballos realizados inclúense a pintura, o endereitamento de postes, a retirada daqueles que se atopaban en mal estado, a instalación de novos soportes e a soldadura de pletinas ou placas necesarias para a correcta colocación dos sinais.
A renovación dos soportes tivo tamén un peso importante dentro da actuación, xa que os postes novos representan aproximadamente o 35% do total daqueles sobre os que se interveu. Deste xeito, o proxecto permitiu actuar non só sobre as placas identificativas, senón tamén sobre os elementos necesarios para garantir a súa correcta instalación e conservación.
A actuación continúa aberta para atender as necesidades que se vaian detectando. Na actualidade séguense realizando reparacións e colocando sinais que puideron quedar pendentes, especialmente en zonas nas que a propia veciñanza comunica a falta de sinalización ou traslada a necesidade de incorporar novas placas.
Ao mesmo tempo, os traballos de desbroce e mantemento realizados polo Concello ao longo do ano permiten localizar sinalización que permanecía oculta pola vexetación, comprobar o seu estado e detectar novos puntos nos que resulta necesario intervir.
A actualización continua da información e o contacto directo entre o Concello e a empresa responsable dos traballos permiten identificar as zonas e unidades pendentes, planificar as seguintes intervencións e manter un control organizado sobre a evolución xeral do proxecto.
O Concello mantén así unha liña de traballo orientada ao coidado e conservación dos espazos públicos, actuando tamén sobre aqueles elementos cotiáns que inflúen na imaxe do municipio, na orientación e na calidade dos servizos que se prestan á veciñanza.