É unha formación gratuíta, que se imparte en colaboración coa Fundación Acción contra el Hambre, dirixida a persoas interesadas en incorporarse á limpeza profesional, un dos sectores con máis demanda na actualidade. No que vai de ano, xa se formou a 13 mulleres como dependentas polivalentes, cunha inserción laboral de preto do 60%, mentres que en 2025 recibiron formación 31 persoas cunha inserción do 75%.
O Concello de Poio, en colaboración coa Fundación Acción contra el Hambre, inaugurou esta mañá a segunda edición do “Curso de limpeza hospitalaria e de edificios”, unha formación gratuíta de 100 horas dirixida a persoas interesadas en incorporarse ao sector da limpeza profesional, un dos máis demandados actualmente.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, participaron no inicio do curso, animando ás persoas asistentes a implicarse e sacar o máximo proveito dunha formación que xa abriu as portas do mercado laboral a moitas das alumnas que participaron na edición anterior. “É unha sorte e unha oportunidade incríble ter a opción de recibir unha formación acreditada e recoñecida polas empresas ao carón da casa e de xeito totalmente gratuíto”, destacou Moldes que puxo en valor todas as iniciativas formativas e de promoción do emprego que se desenvolven desde o Concello de Poio.
O curso desenvolverase ata o 30 de outubro, en horario de mañá na Casa Rosada, e conta coas 15 prazas cubertas. O alumnado recibirá tanto formación teórica como práctica.
Entre os contidos do curso, inclúense limpeza, tratamento e mantemento de solos, paredes e teitos en edificios e locais; limpeza do mobiliario interior; limpeza de cristais en edificios e locais; limpeza con máquinas; e integración e comunicación no centro de traballo.
Esta formación completa a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego e que, anuncian, seguirán organizándose ao longo do ano con propostas novas. En 2025, coa colaboración da Fundación Contra el Hambre, o Concello de Poio formou a 31 persoas, 16 como dependentas polivalentes e 15 en Lmpezas Hospitalarias e de Edificios. Desta, continúan traballando ou traballan de forma case ininterrompida nos sectores que se formaron o 75% das alumnas. No que vai de 2026, formáronse como dependentes polivalentes 13 persoas, cunha inserción laboral de preto do 60%.