A cita, organizada pola Escola de Acordeóns de Campelo e coa colaboración do Concello, será este sábado, 12 de setembro, ás 19.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.
A Escola de Acordeóns de Campelo-Poio organiza este sábado, 12 de setembro, ás 19.00 horas, no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó, o I Festival Xuvenil do Acordeón, unha iniciativa pioneira que nace co obxectivo de fomentar este instrumento entre as novas xeracións, dar visibilidade aos rapaces e rapazas que xa o practican e contribuír ao necesario relevo xeracional.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron esta mañá o concerto, xunto ao director da Escola de Acordeóns Juan Mariño e algunhas das rapazas que participarán na xornada. Segundo explicou Mariño, a idea xorde ante a escasa presenza de xente nova nos numerosos festivais e xuntanzas de acordeonistas que se celebran en Galicia e no resto de España. Como exemplo, apuntou que nun encontro celebrado o pasado novembro en Lugo participaron máis dun cento de acordeonistas, dos que só cinco tiñan entre 8 e 20 anos, catro deles alumnas da escola de Campelo.
Ante esta realidade, a escola decidiu crear unha xuntanza musical protagonizada pola mocidade. Non será un concurso, senón un festival no que os participantes poderán amosar o seu traballo a través da música popular, tradicional e tamén moderna, buscando romper co estereotipo de que o acordeón é un instrumento exclusivamente para persoas maiores.
A organización contactou inicialmente con escolas e centros de toda Galicia, ampliando posteriormente a procura a Asturias, Valladolid, Burgos, León, Valencia e Portugal. O proceso confirmou a principal preocupación da entidade: son moi poucas as escolas que contan actualmente con alumnado infantil e xuvenil.
Finalmente, o festival reunirá ao alumnado da Escola de Acordeóns de Campelo, que conta con máis dunha ducia de nenos e nenas, cun acordeonista de 13 anos procedente de León e un mozo de 26 anos de Meaño. No caso da Escola de Poio, as rapazas mais pequenas teñen 7 e 9 anos.
Con esta primeira edición, a escola de Campelo pretende sementar o futuro do acordeón e animar a máis nenos e mozos a descubrir un instrumento con enormes posibilidades musicais.