Comeza a primeira fase das obras para mellorar o firme, a recollida de pluviais e a seguridade no Camiño da Escola, en Chancelas

07/09/2026

Ángel Moldes destaca que se trata dun proxecto consensuado coa veciñanza que mellorará a seguridade viaria e a drenaxe das augas pluviais nun vial moi utilizado de Chancelas.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro e veciño de Combarro, Cándido Muíños, visitaron o inicio da primeira fase das obras no Camiño da Escola, en Chancelas, concretamente no tramo que discorre entre a PO-308 e o colexio.

As actuacións, que está a desenvolver a empresa COVSA, céntranse na mellora do firme e da drenaxe das augas pluviais, así como na instalación de medidas de calmado do tráfico, cun investimento de 62.946,12 euros.

Trátase dun proxecto financiado con fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra que permitirá incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza da zona.

Segundo explica o alcalde, “as actuacións foron consensuadas coa veciñanza” e inclúense dentro dun “proxecto ambicioso para mellorar toda esta zona”, no que tamén se inclúe a mellora da seguridade executada no Camiño Real, entre Chancelas, Combarro e Samieira. Unha vez rematada esta primeira fase, os traballos continuarán no tramo pendente entre o colexio e a zona da costa, en Combarro.

Trátase dun camiño municipal que dá acceso ao centro educativo e conecta diferentes núcleos urbanos con praias de gran afluencia. “É unha vía moi utilizada que, ademais, funciona como corredor alternativo de circulación, especialmente durante a época estival”, destaca Moldes, que lembra que “seguimos convertendo compromisos en feitos”.

Na actualidade, o Camiño da Escola presenta unha anchura media de entre sete e nove metros e un pavimento asfáltico que amosa un notable deterioro en varios tramos debido ao tránsito continuado de vehículos e á acción da auga. Ademais, a configuración do terreo, con pendentes lonxitudinais e puntos de escorrentía lateral, favorece que as choivas intensas aceleren o desgaste do firme, provocando erosión e arrastre de materiais.

Co obxectivo de corrixir esta situación, a intervención combinará a rehabilitación do pavimento coa mellora do sistema de drenaxe. Para iso instalarase unha nova rede de evacuación de augas pluviais, que incluirá solucións soterradas mediante tubaxes e sumidoiros, complementadas coa recollida superficial a través de cunetas ao longo do tramo de actuación.

Os traballos contemplan a colocación de 115 metros de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de 145 metros de cuneta e a instalación de cinco pozos de rexistro e cinco sumidoiros, co fin de optimizar a recollida e canalización das augas de escorrentía cara aos colectores existentes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio