Chegan aos fogares de Poio os primeiros recibos coa baixada do IBI do 0,47 ao 0,43 aprobada polo Goberno local

07/09/2026

Ángel Moldes asegura que están cumprindo co programa de Goberno e coa veciñanza de Poio: “Esta redución no recibo era necesaria e xusta. Nun momento no que a maioría dos concellos están optando por subir impostos, Poio convértese nunha excepción”.

As familias de Poio xa están recibindo os primeiros recibos do Imposto de Bens Inmobles coa redución aprobada polo Goberno local, e que reduce o tipo do 0,47 ao 0,43. Unha redución de impostos que favorece directamente á economía das familias e que supón unha menor recadación que asume directamente o Concello.

O alcalde Ángel Moldes amosa a súa satisfacción porque “estamos convertendo en feitos o noso programa de Goberno”, pero sobre todo, “porque supón un alivio importante para a veciñanza”. Neste senso, apunta que o Goberno local está levando a cabo “unha xestión económica responsable: estamos reducindo débeda, baixando impostos, garantindo a prestación de servizos de calidade e realizando investimentos históricos”.

“Esta redución no recibo era necesaria e xusta, reducimos un dos impostos que afectan de xeito máis directo e amplo a toda a veciñanza e axudando ás familias a que dispoñan de máis recursos”. Así, explica que tras aprobar a medida en pleno e pasar todos os trámites e prazos administrativos, “esta baixada xa chega aos fogares de Poio”.

Ademais, apunta que “Poio é unha excepción en toda España rebaixando o IBI. É unha decisión meditada, planificada e, sobre todo, xusta para a nosa veciñanza”, afirma.

O alcalde recorda que desde 2023 xa houbo varias baixadas de impostos e taxas: no de circulación, nos vados e no IBI, onde tamén se ampliaron as bonificacións para as familias numerosas. O resto de impostos están conxelados.

Por último, convida á veciñanza a revisar os recibos do IBI que están recibindo estes días nas súas vivendas para cotexar esta baixada do tipo impositivo do 0,47 ao 0,43.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio