No que vai de ano, xa se formou a 13 mulleres como dependentas polivalentes, cunha inserción laboral de preto do 60%, mentres que en 2025 recibiron formación 31 persoas cunha inserción do 75%.
O Concello de Poio, en colaboración coa Fundación Acción contra el Hambre, pon en marcha a segunda edición do “Curso de limpeza hospitalaria e de edificios”, unha formación gratuíta de 100 horas dirixida a persoas interesadas en incorporarse ao sector da limpeza profesional, un dos máis demandados actualmente.
O curso desenvolverase do 15 de setembro ao 30 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e incluirá 60 horas de formación teórica, que se impartirá na Casa Rosada, e 40 horas de prácticas profesionais, organizadas segundo a dispoñibilidade do alumnado e das necesidades das empresas colaboradoras.
Hai 15 prazas dispoñibles, con prioridade de participación para a veciñanza de Poio. As persoas interesadas poden anotarse no Servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio, no teléfono 986 770 001 (extensión 1502).
Entre os contidos do curso, inclúense limpeza, tratamento e mantemento de solos, paredes e teitos en edificios e locais; limpeza do mobiliario interior; limpeza de cristais en edificios e locais; limpeza con máquinas; e integración e comunicación no centro de traballo.
Esta formación completa a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego e que, anuncian, seguirán organizándose ao longo do ano con propostas novas. En 2025, coa colaboración da Fundación Contra el Hambre, o Concello de Poio formou a 31 persoas, 16 como dependentas polivalentes e 15 en Lmpezas Hospitalarias e de Edificios. Desta, continúan traballando ou traballan de forma case ininterrompida nos sectores que se formaron o 75% das alumnas. No que vai de 2026, formáronse como dependentes polivalentes 13 persoas, cunha inserción laboral de preto do 60%.