A programación de verán do Concello de Poio chega este sábado, 29 de agosto, ao Peirao do Covelo coa actuación de Pepe Piña e Los Robinson. O concerto, gratuíto, comezará ás 23.00 horas e amenizará o final do verán con versións de temas moi coñecidos dos anos 70 e 80, cheos de ritmo e que convidarán o público a participar.
Esta actuación enmárcase na programación que o Concello de Poio está a desenvolver de xeito itinerante por todo o municipio, enchendo de vida rúas, prazas, parques e praias. A iniciativa ofrece propostas de lecer para todas as idades e contribúe, ao mesmo tempo, á dinamización socioeconómica do municipio.
Así, durante o verán, o Concello de Poio organizou o festival Senda do Mar, na Seca; Ondas de Salitre, en Raxó; o concerto da Banda de Gaitas de Paramos, no Mosteiro; Los40 Summer Live, en Combarro; ou a Romería de Máis Cantos, en Liñares, entre outras citas.