Ángel Moldes: “desde Poio queremos mandar unha mensaxe clara: condenamos calquera tipo de ditadura, todas, e calquera feito no que non se respecte a democracia. Defendemos a memoria e, sobre todo, defendemos a dignidade”.
O Concello de Poio conmemorou esta mañá, festivo local, o Día de Galicia Mártir, coincidindo co 90º aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, figura clave do galeguismo e símbolo da loita pola liberdade e a xustiza social.
O acto tivo lugar na Caeira e contou coa presenza de destacadas autoridades e representantes institucionais. Xunto co alcalde, Ángel Moldes, asistiron a filla e presidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e os presidentes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, David Otero e Miguel Anxo Seixas, respectivamente.
Durante a súa intervención, o alcalde afirmou que “Poio quere homenaxear e, sobre todo, reivindicar a memoria e o respecto polos mártires e por Alexandre Bóveda. Este é tamén un día que nos ten que facer reflexionar a todos. Aquí estamos persoas con ideoloxías distintas, e a verdadeira lección é saber convivir, con reivindicacións e pensamentos diferentes, tendo claro que por riba de todo debe estar o respecto. Ninguén pode ser sinalado por pensar distinto ou por ter ideas políticas diferentes, e moito menos asasinado, como foi o caso de Bóveda”.
Por iso, insistiu en que “desde Poio queremos mandar unha mensaxe clara: condenamos calquera tipo de ditadura, todas, e calquera feito no que non se respecte a democracia. Defendemos a memoria e, sobre todo, defendemos a dignidade. O feito de estar hoxe aquí responde ao noso compromiso coa defensa de Galicia e da nosa memoria, un compromiso que xa mantivemos desde a oposición e que reafirmamos agora desde o Goberno”.
Tras os discursos e a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do Premio Galicia Mártir ao Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, que recolleu Marga Doval, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio pechou o acto.